Rueda apunta tanto á Generalitat como ao Goberno como responsables na xestión da DANA: "Non pode ser que un si e outro non"

Bombeiros de Lugo regresan a Galicia tras axudar nas tarefas de limpeza en poboacións afectadas pola DANA. Outros, como os de Ourense ou os da provincia da Coruña, seguen alá.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 11/11/2024 | Actualizada ás 15:06

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cre que "tempo haberá" máis adiante para asumir responsabilidades pola xestión da DANA no Levante, pero apuntou tanto á Generalitat valenciana como ao Goberno central. "Non pode ser que un si e outro non. Todos", recalcou o mandatario galego, na comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, celebrada en Noia.

Varias persoas limpan os estragos ocasionados pola DANA, a 1 de novembro de 2024, en Paiporta
Varias persoas limpan os estragos ocasionados pola DANA, a 1 de novembro de 2024, en Paiporta | Fonte: Rober Solsona - Arquivo

Interpelado sobre as voces no seu partido que en privado, nos últimos días, empezaron a falar dunha posible dimisión do presidente valenciano, Carlos Mazón, Alfonso Rueda respondeu que "non" coñece a "ningunha persoa concreta" que estea a reclamar a súa marcha. De feito lembrou que o pasado venres o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, dirixiu unha reunión telemática de 'baróns' territoriais populares centrada na DANA e alí falouse de "como podían axudar" as diferentes autonomías nesta traxedia con máis de 200 mortos.

No caso de Galicia, o seu presidente confirmou que durante a fin de semana a Generalitat reclamou vehículos para "desatascar rede de sumidoiros" e que a Xunta se puxo en contacto con empresas galegas para enviar vehículos que apoien nestes labores. "Diso é do que estamos a falar agora mesmo", engadiu Rueda, quen tamén cre que "tempo haberá" para tomar decisións políticas: "Todos os que teñen responsabilidades públicas temos que explicar como as exercemos, en que circunstancias e como foi todo". Neste sentido, o presidente da Xunta insistiu en que "non pode ser que uns si e outro non". "O que non vale é derivar responsabilidades cara a un lado e outros pensar que non ten ningunha, porque as tiñan e clarísimas: Goberno autonómico e central", recalcou.

"O XOGO DO GOBERNO CENTRAL"

Así mesmo, Rueda ve cada vez "máis claro", "cando pasan os días", o "xogo do Goberno central e dalgúns partidos" de "apartarse da xestión para conseguir a finalidade política de acabar tombando ao goberno da Generalitat Valenciana que, con acertos e con erros, desde un principio tentando xestionar toda a catástrofe e sobre todo as careas de reconstrución".

"Gustaríame que todos estivesen nese plan", engadiu, para logo asegurar que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, tiña que "implicarse moitísimo máis" e declarar a situación de emegencia nacional. Ademais, "esta semana (Sánchez) volve a non dar contas no Congreso" e "nin sequera vai estar en España", apostilou Rueda.

BOMBEIROS GALEGOS DESPRAZADOS A VALENCIA

Os bombeiros do Concello de Lugo desprazados á Comunidade Valenciana para axudar nas tarefas de limpeza e recuperación en poboacións afectadas pola DANA regresaron esta fin de semana a Galicia. Nun comunicado, o goberno local informou de que esta unidade, formada por dez efectivos, traballou nas áreas de Alfafar e Paiporta para abrir vías, limpar garaxes e apoiar á recuperación de infraestruturas "crave", como centros de saúde.

"O traballo dos bombeiros lucenses é un orgullo para a nosa cidade. Demostraron unha vez máis que están sempre dispostos a axudar a quen máis o necesita", reivindicou a alcaldesa, Paula Alvarellos, que indicou que os profesionais "recibiron numerosas mostras de agarimo e gratitude por parte dos veciños". Noutra orde de cousas, o Concello lembrou que se puxo en marcha un dispositivo de recollida de doazóns, agradecendo Alvarellos a "gran resposta" dos cidadáns, "que demostra unha vez máis o carácter solidario e xeneroso da sociedade lucense".

Pola súa banda, os bombeiros provinciais da Coruña desprazados a Valencia continúan na zona efectuando labores de limpeza e salvamento en Paiporta e Picanya. Nun comunicado, o Consorcio Provincial contra Incendios e Salvamento da Coruña puxo en valor o traballo de seis bombeiros dos parques das Pontes, Betanzos e Carballo, que continúan na zona da DANA.

Así mesmo, a Deputación de Ourense indicou que os seis efectivos dos parques de Carballiño-O Ribeiro e de Verín tamén volveron a casa tras sete días de traballo nas poboacións afectadas pola DANA. Ademais, explicou que a segunda saída prevista doutros dous equipos dos parques comarcais ourensáns quedou desactivada "polo momento", tras varias reunións mantidas cos responsables de coordinación e coas autoridades valencianas, que transmiten que o traballo especializado dos bombeiros xa "é puntual", debido ao "amplo despregamento" de maquinaria na zona. O presidente provincial, Luís Menor, reiterou a "plena disposición" de axuda, en caso de volver necesitar recursos para colaborar cos afectados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta