A folga da CRTVG denuncia o "malgasto" do diñeiro público en externalización de programas

Na decimosexta xornada, os convocantes volveron parar a emisión do programa 'O Termómetro'

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2024 | Actualizada ás 17:26

Comparte esta noticia



A folga na CRTVG convocada polo Comité Intercentros volveu a provocar a paralización da emisión do programa 'O Termómetro', cuxa produción externalizada denuncian os folguistas e pon de exemplo da "mala xestión" da Corporación.

O paro deste luns (16ª xornada de folga) é o primeiro tras a entrada en vigor da ampliación do horario de folga en 45 minutos (desde as 11.30 horas ás 13.45 horas), que arrincaron o pasado 7 de outubro.

Reunidos unha vez máis ante as instalacións da Corporación, os folguistas volveron a denunciar a "incesante privatización dos contidos da radio e a televisión pública nos últimos 15 anos, cunha progresiva eliminación ou privatización de programas nos dous medios durante todo o mandato da actual dirección da CRTVG".

Durante a concentración, os traballadores simbolizaron co lanzamento de billetes, o "malgasto" de diñeiro público que supón a externalización, "que contribúe ao desmantelamento da CRTVG".

Aseguran que, no caso de 'O Termómetro', cada hora de emisión custa un 154% máis do que custaba A Revista.

A pesar da duración da folga, lamentan que a dirección se negase a dialogar, nin coas secretarías xerais dos sindicatos convocantes (CUT, CIG, UGT e CCOO), que solicitaron unha reunión co director xeral para mediar no conflito, nin coa mediación solicitada polo Comité Intercentros no Consello Galego de Relacións Laborais, que a dirección rexeitou o venres pasado.

Por contra, afirman, a dirección dedicouse a "tentar amedrentar" ao comité de folga, "acusándoo de presionar ao persoal para que secunde os paros ou de utilizar o megáfono no interior das instalacións".

A isto suman a decisión de Recursos Humanos de establecer a partir do 1 de xaneiro o crédito sindical horario recolleito no Estatuto de Traballadores, "pondo fin unilateralmente a un acordo en vigor na liña do existente en todas as administracións públicas".

Comunican tamén que este martes está prevista a celebración de asembleas para avaliar a folga e decidir o rumbo a seguir.

POSTURA DA CRTVG

A CRTVG, consultada por Europa Press, informou de que o seguimento da folga este luns foi do 13,6%, polo que, aseguran, "máis do 85% do persoal da CRTVG non secunda o boicot sindical contra o programa 'O Termómetro'".

Destacan ademais que a folga indefinida "apenas está sostida polo Comité Intercentros convocante". Segundo apuntan, a asemblea de traballadores na que se confirmou a continuación dos paros tivo unha asistencia dunhas 40 persoas sobre un total de case 1.000 traballadores.

Así mesmo, aseguran que a petición de cancelación do programa 'O Termómetro' non ten "ningunha base legal". Argumentan que esta mesma estrutura de programa é a que existe en Televisión Española e o resto de canles autonómicas.

"A mobilización sindical só busca o despedimento de traballadores e impedir que en Galicia se poida traballar nas mesmas condicións que no resto do Estado", afirman.

Concentración da 16ª xornada de folga da CRTVG, en San Marcos (Santiago de Compostela). COMITÉ INTERCENTROS CRTVG
Concentración da 16ª xornada de folga da CRTVG, en San Marcos (Santiago de Compostela). COMITÉ INTERCENTROS CRTVG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta