Por Europa Press / Redacción | Santiago | 11/11/2024 | Actualizada ás 19:38
O Sindicato de Estudantes convocou este martes 12 de novembro unha folga xeral estudantil e manifestacións en toda España en solidariedade cos seus compañeiros de Valencia, que están a sufrir as consecuencias da DANA. No caso de Galicia, convocaron protestas, a partir das 12.00 horas, na Coruña, no Obelisco, e Vigo, en Farol Urzáiz.
A organización estudantil fixo un chamamento a celebrar asembleas e comités de estudantes en todos os institutos e universidades para manifestar o seu apoio ás familias traballadoras e a mocidade de Valencia, e para facer visible a súa "repudio aos responsables que permitiron estas mortes e esta destrución coa súa desidia".
"Temos que encher os institutos e as universidades de actividade, de pancartas e de carteis, de accións esixindo xustiza e reparación", sentenza.
O Sindicato de Estudantes esixe a "dimisión inmediata" de todo o Goberno da Generalitat Valenciana, "o xuízo e castigo exemplar aos responsables políticos de tantas mortes, sufrimento e dor".
Tamén insta o Goberno central a que aprobe un decreto de emerxencia que garanta a atención médica gratuíta e inmediata a todos os afectados; e a que "se obrigue" ás multinacionais a pór a disposición da poboación afectada, de forma gratuíta, todos os alimentos e produtos que se necesitan.
Para o Sindicato de Estudantes, todos os recursos do Estado (de infraestrutura, de transporte, sanitarios) "teñen que ir destinados a liquidar esta catástrofe e deben ser financiados con impostos aos ricos, á banca e ás grandes empresas".
Igualmente, reclaman ao Goberno central que "decrete a intervención de hoteis e pisos turísticos para garantir o aloxamento gratuíto das familias que non poden vivir nas súas casas" e que aprobe outro decreto de emerxencia "para que se suspenda o pago dos alugueres das familias e persoas afectadas e non se reclamen posteriormente".
"O ocorrido en Valencia pode ocorrer en calquera outra zona en calquera momento. Os científicos predixeron os efectos catastróficos do cambio climático, pero os Gobernantes fixeron oídos xordos. Esta loita é por todos e todas os que padecemos as secuelas deste capitalismo salvaxe e depredador. É hora de dicir Nunca máis! Non estades soas, non estades sós!. O 12 de novembro todas e todos á folga estudantil e as manifestacións", conclúe a organización nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.