Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2024 | Actualizada ás 14:51
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, lamentou este xoves que a mesa do Congreso prorrogase "por duodécima vez" o debate do traspaso da AP-9 a Galicia. Deste xeito, afeou que tanto o PSdeG como o BNG "sigan sendo aliados en bloquear". "Unha broma de mal gusto que se suma ás palabras de Óscar Puente, que dixo que era tremendamente difícil, pero o que é tremendamente baixa é a súa vontade política", aseverou.
Nunha rolda de prensa ofrecida este xoves na sede do PPdeG en Santiago, a popular denunciou que os nacionalistas "seguen sostendo a Sánchez" a pesar dos seus "constantes desprezos" a Galicia. Á vez que incidiu en que o PPdeG "seguirá defendendo" o traspaso e a gratuidade da AP-9 e tamén da AP-53, "as máis caras de España". Ademais, defendeu que a Xunta "cumpre a súa palabra", por exemplo coa "recente aprobación da liberación de peaxes".
CAMBIOS DE OPINIÓN NO GOBERNO CENTRAL
Por outra banda, a secretaria xeral do PPdeG defendeu que Galicia "segue funcionando" a pesar dun contexto nacional "sen orzamentos" e no que "nin sequera existe unha senda de estabilidade". Neste sentido, lembrou que o vindeiro luns se celebrará o debate do Proxecto de lei de orzamentos para o ano 2025, uns orzamentos que cualificou como "os máis altos da historia", con case 14.000 millóns de euros que "triplican os orzamentos destinados a vivenda pública".
Durante a rolda de prensa, Prado puxo o foco nas "contradicións" dos socialistas sobre o traspaso da AP-9, pero tamén sobre o financiamento"singular" de Cataluña. Nesta liña, aludiu a que o secretario xeral do PSdeG, Ramón Gómez Besteiro, "pasou de dicir que o cuponazo catalán non puña en dúbida o principio de igualdade entre os españois", para tres meses despois "rexeitalo por non ser solidario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.