Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2024 | Actualizada ás 12:52
A Xunta habilitou a opción de autocita para vacinarse da gripe e da covid en grandes recintos a aquelas persoas con patoloxías crónicas e en situación de inmunosupresión, ás mulleres embarazadas, aos traballadores dos servizos esenciais, persoal de centros sanitarios e sociosanitarios que estean pendentes de vacinar e aos convivientes de persoas pertencentes aos grupos de alto risco.
Deste xeito, desde a xornada deste xoves as persoas que pertenzan a estes grupos de poboación e con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos, poderán solicitar a súa cita a través da web do Sergas (e-saúde) ou da Aplicación Sergas Móbil.
Nestes grupos inclúense as persoas que padecen diabetes, obesidade, enfermidades cardiovasculares, enfermidade renal e hepática; profesionais das forzas e corpos de seguridade do Estado, bombeiros, protección civil etc.; embarazadas en calquera trimestre de xestación e mulleres durante o puerperio (ata 6 meses do postparto); así como os convivientes de persoas pertencentes aos grupos de alto risco.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, tamén continúa citando ás persoas do grupo etario entre 60-69 anos, que comezarán a ser convocados a partir do día 21. Neste caso, as citas realízanse de maior a menor idade.
Ata agora, un total de 419.205 galegos e galegas xa se vacinaron da gripe na actual campaña de inmunización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.