Consellos para actuar ante os lobos mariños na costa galega

A tempada de lobos do mar nas nosas costas comezou antes do previsto e continúa. Por iso, a CEMMA ofrece unha serie de recomendacións por se nos atopamos con algún exemplar. Este xoves apareceu un na praia coruñesa de Bens.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/02/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A tempada de lobos mariños na costa galega vai de finais de ano a marzo do ano seguinte. A actual foi especialmente tempraneira, xa que se antes os exemplares comezaban a aparecer co novo ano, desta volta empezaron a aparecer a principios de novembro de 2015, informa a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños - CEMMA.

Lobo mariño atopado na Coruña.
Lobo mariño atopado na Coruña. | Fonte: Policía Local da Coruña.

O primeiro lobo identificado foi un exemplar que baixou á praia de Lariño, en Carnota e que ao sentirse observado voltou ao mar, non sendo visto de novo.

Entre os pasados novembro e xaneiro foron rexistrados outros catro casos máis: un exemplar capturado accidentalmente fronte O Vicedo, outro exemplar que foi rexistrado na costa da Coruña, e dous máis varados mortos, na praia muradán de Bentín e na praia de Salseiro, en Caión.

Este xoves foi preciso recoller un lobo mariño na praia coruñesa de Bens. O seu estado era moi demacrado, cun comportamento pasivo e nun estado crítico. Isto significa que os lobos mariños atópanse aínda nas nosas costas, explica a CEMMA.

O lobo mariño nas costas do Norte

Nas costas do Norte peninsular soe dase a presenza de lobos mariños cincentos todos os anos, de Euskadi a Galicia, chegando a desprazarse ata Portugal.

Habitualmente, explica a CEMMA, son exemplares novos de dous ou tres meses, pero ocasionalmente varan ou son observados exemplares maiores, como o macho de 230 cm e 150 Kg atopado morto nunha praia de Muros en febreiro de 1999, ou o macho adulto observado vivo en Lluarca (Asturias) en maio de 2000.

O incremento do número de rexistros observados durante a segunda metade dos anos 90, foi acompañado dun incremento no período de observación (até maio e xuño en ocasións).

Non se coñecen migracións definidas ou regulares, mais a dispersión despois da muda dos xuvenís é unha estratexia natural moi importante nesta especie. Esta estratexia biolóxica, combinada con outros factores (meteoroloxía, correntes ou estado de saúde dos animais) perfílase como o motivo principal da chegada das focas ás costas cantábrica e atlántica da Península, e mesmo até o Estreito de Xibraltar. O traxecto desde os lugares de orixe realízase rapidamente (comprobáronse desprazamentos de entre 50 e 65 Km diarios) e sen escalas, aporta a CEMMA

Este longo percorrido provoca que moitos dos exemplares cheguen ás nosas costas nun estado de debilidade grave, o que lles fai mais vulnerábeis ás adversidades que poidan atopar, tal e como demostran as actuacións de recuperación e as necropsias realizadas polas redes de varamento actuais. As lesións mais frecuentes que se atopan nas focas que chegan á Península son, segundo a CEMMA:

- Debilidade (malnutrición, deshidratación, fatiga extrema, hipotermia...) que as predispón a sufrir calquera tipo de enfermidade (respiratorias e dixestivas como máis frecuentes).

- Interacción con actividades pesqueiras e capturas accidentais en artes de pesca.

- Agresións por parte humana debido á falta de información ante a presenza desta especie nestas latitudes.

Consellos sobre como actuar ante un lobo mariño

Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, a posibilidade de atopalos entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Por iso, a CEMMA ofrece esta información útil:

- Chegan directamente dende as colonias de cría do Norte e polo tanto están moi cansas, motivo polo cal pode baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.

- NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden respostar mordendo.

- NON BLOQUEARLLE VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

- ATAR OS CANS se os levas, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.

- MANTER SILENCIO, os berros e barullo porana alerta e nervioso.

- AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.

Hai que ter en conta que non todos os animais que cheguen á costa precisarán ser recollidos, só aqueles feridos ou que persisten en ficar no mesmo lugar durante días e amosen un comportamento patolóxico.

Hai que ter en conta, ademais, que acostuman ser cachorros de meses de vida e, polo tanto, sen medo ás novidades e que moitas veces nin saben alimentarse ben.

A UCI de lobos mariños

A CEMMA ten instalada unha Unidade de Coidados Intensivos, con capacidade para varios lobos mariños, para instalalos nun medio artificial controlado coa finalidade de rehabilitalos. A colaboración de diversas entidades é crucial para levar adiante este proceso ata liberar ao animal con vida de novo no mar, para isto cóntase coa colaboración do IGAFA na segunda fase da recuperación, mediante a cesión de piscinas, e dos barcos arrastreiros que pescan ao norte para, unha vez rehabilitados, achegalos a súa área de procedencia.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia está baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, a través dos servizos que leva a cabo a Coordinadora para o Estudodos Mamíferos Mariños-CEMMA.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta, dado que as especies que manexa están protexidas.

As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade.

Para iso conta co número activo 24 horas ao día 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anónimo

Participade na enquisa que estou a facer para saber se queredes que voltar estea admitido ou non. Podedes participar en: https://estensiondogalego.wordpress...