Case 3 de cada 10 galegos aprecia oportunidades para emprender, entre os peores das CCAA, pero baixa o medo ao fracaso

Un informe presentado na sede da patronal galega en Santiago debuxa unha "recuperación" no emprendimiento en Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 15:15

Comparte esta noticia

O 27 % dos galegos aprecia que ten oportunidades para emprender, un dato que se sitúa como o cuarto peor de entre as comunidades autónomas, aínda que melloran algunhas cifras como o medo ao fracaso, que no último ano diminuíu ata o 52 %. Son cifras que ofrece o 'Informe Executivo GEM Galicia 2023-2024', presentado este martes na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) nunha xornada inaugurada polo seu presidente, Juan Manuel Vieites, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López. Tamén asistiu o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén.

"O emprendemento en Galicia mostrou sinais de recuperación, con lagoas, pero reflicte unha renovada confianza entre a poboación", explicou Vieites, quen incidiu en "continuar impulsando políticas e programas" que fomenten a creación de empresas e "amplíen as oportunidades dispoñibles" na Comunidade. O informe está dirixido e coordinado pola profesora da USC Loreto Fernández, quen detallou as cifras en compañía da directora técnica, Isabel Neira, e a profesora da Universidade da Coruña (UDC) Nuria Calvo.

Os datos apuntan a que a taxa de actividade emprendedora (TEA) está en Galicia nun 6,3 %, mellor que en 2022. Tamén mellorou a apreciación de oportunidades entre os galegos, ata o 27 %, a pesar de que é a cuarta taxa pola cola e mantense por baixo da media española (31 %). Tamén está entre as peores cifras a percepción de posuír coñecementos e habilidades para emprender cun 48 %, empatada en último lugar con Euskadi e Castela e León. Con todo, tamén hai datos nos que Galicia destaca, por exemplo na diminución do medo ao fracaso ao 52 %, o quinto dato de entre as comunidades autónomas (empatado con Estremadura) e por enriba do 49 % de media estatal.

O 45 % DAS EMPRESAS, CON CINCO EMPREGADOS OU MENOS

Por idades, o 45 % dos emprendedores ten entre 35 e 44 anos. Ademais, o 48 % das iniciativas están orientadas a servizos ao consumidor e a 45 % conta con cinco empregados ou menos. Sobre isto último, as expertas apuntaron como un "problema" que o número de traballadores destas empresas se manteñen (pasados os tres anos de actividade, o 80 % continúan con cinco ou menos), algo que "limita" a súa capacidade de crecer e acceder a mercados exteriores.

Unha ampla maioría do 66 % opta por facerse autónomo para emprender, mentres que un 16 % constituíu unha sociedade limitada e un 5 % creou empresas de economía social. As responsables do 'Informe Executivo GEM' paráronse especialmente en analizar os datos do emprendemento feminino. E é que a taxa TEA diminuíu do 6,7 de 2022 ao 6,1 de 2023 entre as mulleres, mentres que a dos homes subiu do 6,1 % ao 6,6 %. Isto veu acompañado dunha caída na percepción de oportunidades: só o 23 % das mulleres percíbenas na súa contorna, fronte ao 35 % dos homes. Con todo, a profesora Isabel Neira destacou que as mulleres adoitan ser "máis constantes no tempo" á hora de sacar adiante os seus proxectos e perciben máis "falta de oportunidades" á súa medida, mentres que os homes contan con "outro tipo de motivacións".

O EMPRENDEMENTO NO RURAL "ESTABILÍZASE"

Pola súa banda, Nuria Calvo analizou a situación no rural, unha contorna que ocupa "máis do 60 % dos municipios en Galicia" e que conta cunha poboación en decadencia. "A percepción de oportunidades para emprender no rural non é boa", recoñeceu a profesora da UDC, quen non entanto asegura que é "máis barato" e que a porcentaxe de emprendedores potenciais "non baixa", senón que "se estabiliza" e a súa taxa de abandono "é baixísima", cun 0,3 % no último ano.

Por tanto, o perfil de emprendedor no rural é "moito máis arraigado" e o TEA das mulleres (7,7 %) é "significativamente maior" que en contornas urbanas (5,8 %). Entre os homes, o habitual é que sexa ao revés. Neste contexto, Calvo apuntou como outro elemento diferencial que as mulleres emprendedoras no rural "apóianse nas redes sociais, coñecen a outras emprendedoras e axúdanse, fináncianse, alíanse e coñécense".

Varios billetes, a 9 de xaneiro de 2024, en Madrid
Varios billetes, a 9 de xaneiro de 2024, en Madrid | Fonte: Eduardo Parra - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta