O Parlamento pide, por segunda vez, un cronograma de axudas ao marisqueo e a rexeneración das rías

PPdeG, BNG e PSdeG votaron a favor e DO, abstívose.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este martes en sesión plenaria unha moción para reclamar á Xunta que presente, antes de que finalice o ano, un cronograma e as partidas orzamentarias para levar a cabo un plan de axudas ao marisqueo que, ademais de apoiar aos traballadores que dependen do sector, inclúa medidas para recuperar os bancos e mitigar os efectos do cambio climático nas rías.

A iniciativa contou cos votos a favor de PSdeG, BNG e PPdeG, e coa abstención de Armando Ojea (Grupo Mixto), repetindo o resultado da que se debateu e aprobou no mes de maio en referencia ao mesmo tema.

De feito, a moción agora debatida facía referencia explicita á do mes de maio, reclamando de novo que a Xunta presente antes de final de ano a sede parlamentaria o cronograma e partidas orzamentarias para levar a cabo este anterior acordo, para a cobertura económica e social de traballadores do sector marisqueiro e a recuperación e rexeneración das rías para garantir a súa produtividade.

Ademais, pide que se prioricen o próximo ano os investimentos dirixidos a "blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional e á acuicultura extensiva", así como destinar os recursos do Fempa de 2025 e seguintes preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade das rías galegas.

Finalmente, a moción reclama a elaboración dun catálogo de medidas de identificación e promoción dos produtos orixinarios do sector do mar galego, que poña en valor a produción propia e impida a competencia de produtos importados con etiquetaxes enganosas.

Marisqueo. USC - Arquivo
Marisqueo. USC - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta