Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2024 | Actualizada ás 14:58
A comisión parlamentaria que investiga contratos da Xunta, entre outros os da pandemia e coa empresa Eulen, foi o foco, un día máis, do 'encontrón' verbal entre a líder do BNG, Ana Pontón, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen, tras rexeitar "leccións" dos nacionalistas en materia de hixiene na contratación, apuntou á "contorna familiar" da xefa de filas do Bloque.
"Voulle a facer unha pregunta: Vostede está en condicións de dicir que ninguén da súa contorna familiar próximo tivo un contrato menor dun goberno do BNG? Está en condicións diso? Porque leccións, todas a do mundo", advertiu Rueda, antes de subliñar que sería cuestión de responder "si ou non". "Porque para acusar aos demais sóbralle o tempo. Iso si que é prepotencia e falta de calidade democrática. É a segunda vez que creo que se lle fai esta pregunta (en referencia ao debate parlamentario da pasada xornada). Se ma fai a min, eu diría que non, en ningún caso. Pero vostede non contestou", afeou o tamén líder do PPdeG á dirixente nacionalista.
Rueda apuntou á contorna de Pontón na súa última quenda da sesión de control, despois de esgrimir un informe dos servizos xurídicos do Parlamento que rexeita a petición dos nacionalistas de revogar o plan de traballo da comisión de contratos. Previamente, a nacionalista proclamara que "ninguén vai a amordazar ao BNG" e ameazara coa vía legal ante a deriva dunha comisión de investigación que naceu a impulso da formación. "A súa deriva autoritaria e antidemocrática sen precedentes non vai calar ao BNG á hora de investigar os chanchullos do PP. Usaremos todos os mecanismos, todas as vías legais ao noso alcance para defender o noso dereito a exercer o control sobre o Goberno se o PP non levanta o seu veto na comisión de investigación", proclamou Pontón.
"TODAS AS LIÑAS VERMELLAS" TRASPASADAS
Ao seu xuízo, o PP traspasa "todas as liñas vermellas" ao "vetar" o plan de traballo do Bloque nunha cuestión que ve "un disparate", dado que o PP "veta a documentación e as comparecencias solicitadas" (entre elas a do expresidente e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo) pola formación política que impulsa a creación da comisión. "Alguén se imaxina que nun xuízo se impida comparecer aos principais implicados e só se escoite aos testemuños dunha parte?", preguntouse, para concluír, a continuación, que "é o que está a facer o PPdeG para salvar a Feijóo de ter que explicar os contratos a dedo" á empresa Eulen, na que a súa irmá é directiva. Neste sentido, lembrou que dita firma recibiu "1.311 contratos a dedo por valor de cinco millóns entre 2018 e 2023". Tamén aludiu aos "15 millóns que levou en pandemia a empresa da que é directivo o cuñado de Feijóo" e insistiu na necesidade de "aclarar o sobrecusto de 470 millóns do Hospital Álvaro Cunqueiro".
INFORME XURÍDICO
Rueda replicou que os servizos xurídicos rexeitaron a petición do BNG en relación ao plan de traballo e preguntouse se é o que vai levar aos tribunais. "Como non lle deu a razón, ignórao. Pero as normas cúmprense e cando os que teñen que avalar as decisións se pronuncian, hai que acatalo", advertiu. O informe ratifica que, unha vez que se crea un órgano parlamentario, aínda que sexa a impulso dun grupo, este "non conserva nin adquire ningún dereito sobre o órgano ou a proposición de lei distinto do dos dereitos e facultades que o regulamento lles confire ao resto dos grupos".
"En todos estes casos, as vicisitudes posteriores sométense aos principios e regras xerais de funcionamento do regulamento", agrega o informe, en referencia á normativa pola que se rexe a Cámara autonómica galega, onde o PPdeG ten maioría absoluta. "Os deputados e deputadas solicitantes non se converten en deputados ou deputadas de mellor condición que os restantes que formen parte da comisión creada simplemente porque foron os promotores do seu nacemento. Tampouco os seus votos teñen maior valor nin contan con voto de calidade, porque non existe previsión regulamentaria a este respecto que o sustente", concluíu.
EVITAR A "POLÍTICA TÓXICA"
Pola contra, ironizou con "o que estaría a dicir" se os servizos xurídicos lle avalasen no que o líder do PPdeG ve intencionalidade de facer "oposición" e un xuízo "paralelo" a Feijóo. "Pero diso non di nada", esgrimiu, antes de incidir en que el prevé utilizar a "calidade democrática" que lle dá a maioría absoluta para evitar que se importe a Galicia "a política tóxica" que atribuíu ao Goberno central. E en materia de cifras, asegurou que a media anual de contratación de Eulen co Goberno bipartito de PSdeG e BNG que dirixiu Galicia entre 2005 e 2009 era de 4,67 millóns, e coa Xunta do PP, de 4,72 millóns, "cinco centésimas máis". "Esa é a diferenza do favoritismo?", preguntouse, antes de pór en cuestión as razóns que levaron ao BNG a impulsar a comisión de contratos. As dúas teses que o presidente galego apuntou son a dunha Pontón "apertada" ante a Asemblea do BNG que ten que evidenciar "o seu radicalismo" ou que teña que "facerlle un favor" a Pedro Sánchez, quen "tanto traballou", segundo Rueda, para a nacionalista na última campaña das eleccións autonómicas. "Creo que unha mestura das dúas", resolveu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.