Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 20/11/2024 | Actualizada ás 12:01
A detención de dous veciños de Ourense, un home e unha muller, permitiu á Garda Civil dar por concluída a chamada 'Operación Sumidero', e levou ao esclarecemento de 16 roubos con forza cometidos en establecementos da provincia.
Segundo informaron fontes da Comandancia, o pasado luns, nunha segunda fase dese operativo, o Equipo Roca da Garda Civil de Ourense detivo a un home de 36 anos de idade e a unha muller de 33 anos, como presuntos autores dun e catro delitos de roubo con forza, respectivamente.
Esta investigación, coordinada polo Xulgado de Instrución 3 de Ourense, iniciouse hai meses. A finais de marzo pasado, a Garda Civil informaba da detención de dous homes e dúas mulleres, veciños de Barbadás e Ourense, de idades comprendidas entre os 26 e os 34 anos, como presuntos autores dunha ducia de roubos.
Os sospeitosos utilizaban tapas de sumidoiro para romper as portas dos establecementos, e actuaron en gasolineiras, locais de hostalaría e nunha panadaría, en diversos puntos da provincia de Ourense (Tamallancos, Taboadoela, Pereiro de Aguiar, Allariz, Toén ou A Valenzá).
Nese momento, o total do diñeiro subtraído ascendía a 4.200 euros e os danos causados valoráronse nuns 7.000 euros. Coas dúas novas detencións, a Garda Civil dá por concluído o operativo, e considera aclarados un total de 16 roubos con forza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.