Temas: DVICIO

Xantar pecha consolidado como o evento gastronómico de referencia en Galicia

A terceira edición como feira internacional contou coa presenza de 10 países e recibiu ao redor de 20.000 visitantes.

Por GC Tendencias | Ourense | 08/02/2016 | Actualizada ás 23:59

Comparte esta noticia

Xantar pechou onte á tarde as portas da súa decimosétima edición, a terceira como cita internacional e especialmente dedicada ó Entroido, logo de cinco días de intensa actividade que estiveron dirixidas a estreitar a cooperación transfronteiriza entre Galicia e Portugal e a Iberoamericana a través da participación de México, país convidado, representado polo Estado de Morelos. Xantar 2016 remata contando coa fidelidade dos profesionais do sector e do público xeral tanto de Galicia como de Portugal. A falta de contabilizar as visitas desta tarde, a organización estima que o salón acadou as 20.000 visitas.

Francisco Conde, Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia
Francisco Conde, Conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia

O acto oficial de clausura estivo presidido pola conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, quen mostrou o apoio do goberno a esta cita que  “representa unha magnífica oportunidade para dar a coñecer a nivel nacional e internacional o mellor dos produtos da nosa terra, elaborados e cociñados con mimo polos mellores profesionais da cociña galega”. A conselleira sinalou ademais que unha feira como esta o que persegue finalmente é a dinamización da nosa economía a través do sector agroalimentario, por unha banda, e tamén por medio do impulso ao eido hostaleiro, ambos sectores claves para o desenvolvemento de Galicia.

A última xornada de Xantar estivo dedicada ó Medio Rural e tamén a recoñecer o papel dos case trinta patrocinadores e colaboradores que fixeron posible esta 17ª edición de salón converténdoo nun exemplo de cooperación público-privada. O domingo foi o día dedicado ó Concello de Sober, ó de Arnoia, ó do Barco de Valdeorras e tamén á Federación Galega de Municipios e Provincias,, FEGAMP, que participou por primeira vez neste salón.

Neste acto foron entregados ademais os premios do IV Concurso Xantar Gourmet- Edición especial Entroido no que se valoraba o emprego de produtos de calidade de Galicia recoñecidos con D.O. ou I.X.P.. Na categoría de afeccionados os gañadores foron Rubén Amorín que levou o 2º premio coa receita “Cachucha trufada sobre escuma de pataca e repolo, aceite de chourizo e crocante de Orella de Entroido” e Anabel Rodríguez e José Luis Barros levaron o 1º premio co prato “Filloas recheas con mousse de castaña, salsa de chocolate e mel”. No apartado de profesionais, o segundo premio foi Daiyane Barbosa e Cristina González Blanco, do IES de Vilamarín, que participaron coa receita “Milfollas de orella, botelo e crocante de lacón escoltado con fardiños de grelo e lastriños de pan de Cea”. O gañador deste concurso foi, por terceiro ano consecutivo, o cociñeiro de Melide, Manuel Garea, que presentou este prato “Caña dorada, fusión de cocido” nos que empregou “Ternera Gallega”, “Lacón Gallego”, aceite adscrito ó CRAEGA e Pataca de Galicia, entre outros ingredientes.

O programa de actividades de Xantar 2016 presentou máis de 115 experiencias gastronómicas repartidas por primeira vez en tres aulas gastronómicas, cunha media de dúas experiencias por hora de duración do salón, foron seguidas por máis de 6.000 participantes, na súa meirande parte profesionais do sector que supoñen xa un 35% do total de visitas. Este programa incluíu exhibicións de cociña en directo na que que participaron recoñecidos chefs de Galicia, Portugal, México e Costa Rica e nas que se puxeron en valor os produtos autóctonos e de calidade. Outra das actividades que espertaron o interese dos profesionais foron as máis de 25 catas comentadas de produtos como o viño, licores, conservas, queixos ou mel. Hai que engadir ademais as distintas degustacións ofrecidas polos expositores como as do Botelo de O Barco de Valdeorras por citar unha das ofrecidas na xornada de clausura.

Jesús Vázquez, alcalde de Ourense
Jesús Vázquez, alcalde de Ourense

Remata así a 17ª edición de Xantar e a primeira cita do ano deste 2016 en Expourense. A vindeira feira será a 23ª MOSTRA DA OPORTUNIDADE que se celebrará do 4 ó 6 de marzo.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta