Morre o lobo mariño atopado na praia coruñesa de Bens

O animal fora recollido o pasado día 4 e faleceu tras chegar á costa galega con grave deshidratación, desnutrición, anorexia e esgotamento extremo. A CEMMA advirte de que poden aparecer máis exemplares polos temporais. Tamén apareceu morto un golfiño en Vigo.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 08/02/2016 | Actualizada ás 19:11

Comparte esta noticia

O lobo mariño recollido o pasado día 4 na praia coruñesa de Bens non superou o seu crítico estado de saúde. Así o comunica hoxe a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, responsable do seu coidado tras recollelo moribundo.

Exemplar na UCI de lobos mariños
Exemplar na UCI de lobos mariños | Fonte: CEMMA.

Foi na mañá do xoves día 4 de febreiro cando a policía local da Coruña puxo en alerta á Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA. que puxo en marcha a súa Unidade Móbil de asistencia á fauna mariña.Un exemplar macho de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) acababa de chegar ao areal da praia de Bens, na Coruña.

Unha vez no lugar, os técnicos da Unidade Móbil de Asistencia á Fauna Mariña valoraron o estado de saúde do exemplar e decidiron recollelo para ser atendido na Unidade de Coidados Intensivos do Centro de Coordinación de Varamentos da CEMMA, en Nigrán.

O mesmo xoves, ás 17:00 horas, o exemplar ingresou na UCI de lobos mariños, poñendo en marcha os protocolos para o diagnóstico do estado de saúde e para a aplicación dos tratamentos axeitados, segundo relatan os propios responsables da CEMMA. Alí, detectáronlle unha grave deshidratación, desnutrición, anorexia e esgotamento extremo. Durante os seguintes días aplicáronse técnicas de hidratación oral e suepidérmica e comezouse dar alimentación ao animal, mais non respostou axeitadamente. Neste tempo non recuperou actividade nin remontou a situación crítica coa que chegou varar, apuntan os seus coidadores.

Na mañá deste luns día 8, o estado do lobo mariño empeorou, caendo as súas constantes vitais e falecendo posteriormente. A pesar dos esforzos dos especialistas, 'Bens, como así o nomearon os especialisas da CEMMA, non puido remontar o crítico estado co que chegou á costa galega.

A necropsia evidenciou todo aquilo que a sintomatoloxía amosaba, o dixestivo absolutamente baleiro, pouca graxa ademais da presenza de dous plásticos pequenos no estómago. Os responsables da CEMMA advirten de que, se ben estes plásticos no foron a causa dos problemas que levaron á morte ao animal, "debería facernos reflexionar sobre o uso e xestión dos residuos".

A CEMMA quere agradecer a todas as persoas que participaron na detección e asistencia deste animal.

Tempada de lobos mariños

Aínda permanecemos en tempada de lobos mariños, que vai de novembro a abril. O actual empeoramento das condicións mariñas acrecenta a posibilidade de que máis exemplares aparezan na costa, fuxindo das duras condicións do mar. Por iso, a CEMMA ofrece unha serie de consellos para actuar ante a presenza dun lobo mariño que se poden ler aquí.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas.

As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Golfiños

Outra das especies que se poden atopar nas nosas costas é a dos golfiños. Este sábado pasado, por exemplo, apareceu un exemplar morto na praia en Vigo, preto da desembocadura do río Lagares. Os seus varamentos son habituais coas chegadas dos temporais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 hrDz

Adeus amigo.