Robots Lego para espertar o interese dos máis novos pola tecnoloxía

A Universidade da Coruña acolle o 20 de febreiro a segunda edición da FIRST LEGO League Galicia, unha competición de robótica para equipos de 10 a 16 e de 6 a 9 anos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/02/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Chega á Coruña a segunda edición da FIRST LEGO League Galicia, un programa que ten como obxectivo espertar na mocidade a curiosidade e o interese pola ciencia e a tecnoloxía. 

Participantes na First Lego League
Participantes na First Lego League | Fonte: UDC.

Coa organización da Universidade da Coruña, e apio do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ademais da colaboración de diversos patrocinadores, a FIRST LEGO League celebrarase o vindeiro día 20 de febreiro, na Facultade de Informática da Coruña

A FIRST LEGO League concíbese coma un xogo competitivo sobre a robótica, mediante os famosos Lego como gancho, cos que cada equipo participante debe resolver un proxecto científico. A iniciativa pretende fomentar os valores do traballo en equipo, o da aprendizaxe, o da investigación, además de habilidades na resolución de problemas, a comprensión do papel da ciencia e a conciencia de contribuír nun aspecto construtivo á nosa sociedade.

Hai dúas categorías para participar: FIRST LEGO League, de 10 a 16 anos, e Junior FIRST LEGO League, de 6 a 9 anos.

O xogo por equipos da FIRST LEGO League consiste no deseño, construción e programación dun robot coa tecnoloxía LEGO® MINDSTORMS®. Os participantes deben superar unha serie de probas nun circuíto idéntico para todos os equipos participantes.

Outro desafío que deben levar a cabo é a realización do proxecto científico. Así, todos os participantes enfróntanse a un mesmo problema, que é proposto cada ano pola organización. Este ano o desafío é o "Trash Trek. Que se pode facer hoxe en día para mellorar á xestión dos residuos: recolección, clasificación, reutilización intelixente".

Cada equipo debe deseñar unha solución creativa para resolver este problema. Neste desafío, a creatividade amosada na solución é fundamental.

O equipo gañador do torneo representará a Galicia no campionato estatal, que este ano terá lugar durante os días 12 e 13 de marzo en Girona.

En paralelo ten lugar a FIRST Lego League Junior, para alimentar a curiosidade dos máis pequenos, de forma que estes se acheguen dunha forma divertida ao mundo da ciencia, a tecnoloxía, as matemáticas e a enxeñaría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta