Por Ramón Torrado | Noia | 12/02/2016
Para alguén coma min criado fóra de Galicia ten que ser chocante ver as cabezas curadas de porcos sen ollos que aparecen en establecementos grandes e pequenos da nosa terra. Un neno pequeno pode ver enriba dunhas noces na sección de froitas esa atroz imaxe, que con obscenidade é ás veces engalanada con gafas de sol, panos e sombreiros.
Non deixa de lembrar este cruel costume á novela “O señor das moscas” de William Golding, na cal uns nenos descenden á barbarie. Incluso vén á mente unha famosa escena sobre un cabalo nunha película de Francis Ford Coppola.
Na actualidade vense en internet sorprendentes vídeos sobre animais: cans e monos que se salvan os uns aos outros, elefantes pintando cadros, corvos resolvendo problemas, un golfiño que devolve un móbil caído ó mar e xestos conmovedores de cariño entre distintas especies. Todo indica que o mundo animal non humano ten máis intelixencia e sensibilidade do que se pensaba.
Vendo os rostros inocentes nun carrusel en Padrón chégame a idea de que non se trata unicamente dunha certa dignidade porcina, senón tamén de protexer o dereito á felicidade dos nosos nenos. De tomarse unha decisión conxunta de evitar o triste espectáculo das cachuchas, sen gastar un céntimo Galicia sería de golpe un lugar máis civilizado, concienciado, moderno, decente e elegante.