Rodil di que o BNG está "no mellor momento da súa historia" con Pontón, mentres UPG pide unha dinámica interna "máis colectiva"

A viceportavoz parlamentaria do BNG rexeitou pronunciarse sobre se ve posibilidades de chegar á asemblea cunha lista conxunta ou que integre ao Movimento Arredistas, no que se inscribe a tamén deputada Noa Presas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2024 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do BNG Olalla Rodil reivindicou que a formación nacionalista está "no mellor momento" da súa historia con Ana Pontón á fronte da portavocía nacional como froito de "unha decisión colectiva". Preguntada polo pronunciamento da UPG, que pide unha dinámica interna "máis colectiva e coral" no Bloque, "afastada de calquera tentación presidencialista", e co horizonte da asemblea o domingo, Rodil manifestou o seu "respecto" pola "pluralidade" e "as posicións políticas" de "cada militante ou colectivo dentro do BNG".

Pola súa banda, mostrou o seu "apoio" a Pontón e á "liña política dos últimos anos", que defendeu como "resultado dunha decisión colectiva" que fixo aos nacionalistas "estar" onde están "hoxe": "No mellor momento da nosa historia", resaltou. Neste sentido, subliñou que o BNG é segunda forza no Parlamento de Galicia con 25 escanos e representa "a alternativa de goberno claro", con "1.200 militantes máis que fai tres anos" e un "liderado forte e claro que ninguén pon en dúbida". De feito, Olalla Rodil mostrouse "segura de que ninguén está a pór en dúbida" nin a liña política nin á portavoz nacional da formación. Por último, rexeitou pronunciarse sobre se ve posibilidades de chegar á asemblea cunha lista conxunta ou que integre ao Movimento Arredistas, no que se inscribe a tamén deputada Noa Presas.

Ana Pontón e Olalla Rodil, do BNG, presentan propostas de resolución
Ana Pontón e Olalla Rodil, do BNG, presentan propostas de resolución | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta