Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 30/11/2024 | Actualizada ás 22:00
Nestes tempos nos que a preocupación polo cambio climático e por poñer en marcha accións que favorezan a reducción das emisións nocivas para o noso planeta é cada vez maior, hai unha medida moi eficaz á que aínda non se lle está dando toda a importancia que merece: a implantación e promoción de comunidades sostibles. Hoxe, dende o Galicia Confidencial falamos coa profesora da área de Física Atómica, Molecular e Nuclear da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María de los Ángeles López Agüera, que nos conta que son estas comunidades, cales son as súas vantaxes e como de fácil pode chegar a ser a súa posta en funcionamento, se houbese realmente interese institucional e social por poñelas en marcha.
O primeiro é saber que é como tal unha comunidade sostible? "Unha comunidade sostible, no fondo, é unha comunidade o suficientemente resiliente como para ser quen de adaptarse aos cambios, sen por iso facer perder confortabilidade aos seus integrantes", explica López Agüera, que advirte de que ao falar de comunidade sostible "debemos ter unha visión moi holística", porque "non se pode plantexar unha comunidade sostible só dende o punto de vista enerxético", senón que "hai que falar de todos os recursos precisos para a confortabilidade humana", isto é "ter tamén en conta a parte de abastecemento da auga, a parte social, a parte económica e todos os aspectos que se recollen nos obxectivos de desenvolvemento sostible", é dicir, "esta comunidade ten que ser resiliente a todos os niveis". En xeral fálase dunhas sete ou oito liñas de traballo.
Esta profesora da USC leva traballando no deseño de protocolos de comunidades sostibles dende o ano 2015, no ámbito dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. En concreto, a iniciativa na que participa López Agüera está destinado a poboacións máis vulnerables, das cales xa se conseguiu facer sostibles a máis de 100, ao longo e ancho do planeta. Eses lugares poden actuar como prototipos para atopar puntos comúns que se poidan adaptar a outros territorios. A parte común que si que se pode aplicar a calquera lugar é o concepto de confortabilidade, que, como indica López Agüera, "para case todo o mundo quere dicir o mesmo", mentres que "hai outras partes que teñen que ser adaptadas a cada territorio". O que, na súa opinión, non se pode facer, é exportar un modelo que funciona nun lugar de maneira idéntica a outro.
Así as cousas, coa iniciativa de Nacións Unidas estase vendo cales son as liñas comúns, como é o caso da confortabilidade, e cales son as que por non ser comúns hai que adaptar moito máis ao territorio. "A idea final sería chegar a protocolizar o xeito de desenvolvemento deste tipo de comunidades", asevera. Ante a pregunta de se esta habendo neste senso avances cara comunidades sostibles dentro da nosa sociedade, López Agüera apunta que "depende bastante do país"e indica que "naqueles nos que levamos moitos anos traballando no tema si se están facendo proxectos europeos". Por exemplo, dentro de Europa, apunta a comunidades sostibles que se están desenvolvendo seguindo un mesmo protocolo, pero adaptado ás súas particularidades, como é o caso de varios proxectos en Suecia, Irlanda e Romanía. Pero, como exemplo, expón o caso dunha comunidade en Alenteixo, ao sur de Portugal, que "non vai nada mal".
"A INNOVACIÓN FRUGAL CONSISTE EN PLANTEXAR ESTRATEXIAS QUE NON CHE FAGAN DEPENDER DOS OUTROS, CREANDO TECNOLOXÍAS 'APROPIADAS'"
Ao falar de comunidades sostibles tamén entra en xogo outro concepto: o de innovación frugal. Que é isto? Como apunta a profesora da USC, ese é un dos principios das comunidades sostibles, que pasa por "evitar, sobre todo, a obsolescencia programada, esa sensación de que estamos totalmente espidos e non temos capacidade de decisión ante a tecnoloxía". En concreto, exemplifica que "a maioría de nós non somos quen de arranxar un móbil, nin temos na nosa contorna próxima quen o saiba facer", pois toda esa tecnoloxía chega ata nós dende moi lonxe, China ou Estados Unidos, fundamentalmente. Nese punto é onde xorde a innovación frugal, que se basea no desenvolvemento de tecnoloxía localmente, mesmo empregando para iso materiais locais. "Esa capacitación permite que haxa na comunidade persoas que poidan xestionar esa tecnoloxía", afirma López Agüera, que insiste na necesidade dese "desenvolvemento de tecnoloxía coñecida como 'non cativa', porque cativos e presos somos nos, que somos os que temos que acudir a terceiros países para que nos arreglen os móbiles", por exemplo.
Trasladando este exemplo a unha comunidade que trata de ser sostible ou resiliente, a profesora da USC apunta ao caso de que se instalen nela paneis solares. "Se se poñen paneis solares, pero, logo, non se é quen de xestionar a enerxía que estes están producindo, ou se cando teñen un problema hai que ir á mesma compañía que os instalou para solucionalo, non podemos dicir que esa sexa unha comunidade sostible", plantexa López Agüera. Así as cousas, resume que "a innovación frugal é plantexar estratexias que non che fagan depender desa maneira dos outros, creando tecnoloxías 'apropiadas', tecnoloxías das que se apropia a persoa que as usa, sen depender de ninguén, de xeito autosuficiente". Ademais, apunta a que "a maior parte da innovación frugal pódese entender tamén como modelos de economía circular, porque cando estamos falando de utilizar materiais locais, podemos permitirnos reutilizar materiais". A modo de exemplo apunta á fabricación de mesas cos paneis solares que van quedando vellos e inservibles.
"TRÁTASE DE OPTIMIZAR RECURSOS E VER COMO RECURSOS OS MATERIAIS DESBOTADOS NUNHA SOCIEDADE QUE FAI OS PUNTOS LIMPOS, PUNTOS SUCIOS"
Dende o seu departamento da USC, asegura que foron quen de facer en Cedofeita, en Lugo, todo un centro de transformación dos produtos agrícolas baseado na innovación frugal, que está en funcionamento con enerxía solar pero que, nos días nos que non hai sol, tamén contan cun deshidratador que lle permite seguir funcionando. "Ti fas, ti produces e ti pos en funcionamento", apunta López Agüera, que explica que cada vez hai máis proxectos deste estilo, que fan que as comunidades sexan fondamente resilientes, diminúan a cantidade de residuos e entren nun proceso de economía circular". Outro exemplo dunha tecnoloxía non cativa sería o redeseño da produción dos excesos de lá para usala logo en agricultura e despois reprocesar todo iso mediante, novamente, tecnoloxía non cativa que permita autoxestionar todos os procesos. En resumo, trátase de "optimizar recursos e considerar como recursos materiais desbotados por unha sociedade que enche os puntos limpos de puntos sucios, enchéndoos de cousas que logo non se utilizan".
Dentro destas comunidades renovables, que papel xogarían as enerxías renovables? López Agüera non ten dúbidas: "O 100 %". O concepto de comunidade, tal e como o trata Nacións Unidas, é un todo que ten que xestionar os recursos á súa disposición da maneira o máis óptima posible, e, neste senso, "cando nós estamos falando de enerxía, estamos falando dunha enerxía que sexa local". E cal é a diferenza entre unha enerxía renovable e outra que non o sexa? "Que unha enerxía renovable debe ser democrática, no sentido de que todo o mundo na cortorna dun quilómetro de onde vive teña enerxía suficiente e recursos enerxéticos suficientes como para poder cubrir todas as súas necesidades cos niveis de confortabilidade aos que os seres humanos de hoxe en día estamos acostumados", plantexa a profesora da USC. "A autonomía enerxética, a resiliencia absoluta enerxética depende da utilización dun recurso local nas condicións que para cada quen sexan aceptables", reflexiona.
"TODOS NACIMOS NUN MUNDO NO QUE NOS CREARON MOITOS TEMORES INVALIDANTES, QUE NOS OBRIGAN A CHAMAR A OUTROS PARA OS ARRANXOS"
Agora ben, a sociedade xeral coñece estas opcións? Que é o que está fallando para que non se implanten en maior medida comunidades sostibles? En opinión de López Agüera, "hai moita desinformación, e iso é culpa de todos, pero en parte creo que os propios investigadores non somos quen de transmitir efectivamente o coñecemento, sobre todo no tocante á información enerxética, pero tamén a nivel da auga e de todo o demais". A profesora pon o exemplo da propia aldea na que vive dende hai 7 anos: "Temos unha comunidade de augas e xestionámonos o noso propio manantial", algo que, como apunta, "non é que teña que ver coa miña chegada, senón que xa se facía así de antes, e eu aprendín como se fai porque mo ensinaron os veciños". Esta muller confesa que "toda a miña vida vivín en cidades nas que me parecía imposible que alguén puidera xestionar a súa propia auga e, sen embargo, se tes a información adecuada, podes facelo, e vendo a experiencia doutros lugares nos que funciona". "Ao segundo día de estar nesta aldea, os veciños demostráronme que xestionar a auga era posible, dándome unha información adecuada, precisa, suficiente e non sesgada", expón.
Con todo, a nivel enerxético, concede que "é moito máis complicado, porque todos nacimos no mundo no que tocas un botón e acéndese a luz e no que cando tes un fallo na electricidade chamas á compañía eléctrica para que cho repare", un mundo cómodo, pero no que a xente "non conta coa información suficiente sobre o seu funcionamento". Un mundo no que, ademais, López Agüera afirma que "se crearon moitos medos ao redor, deses temores 'invalidantes', cos que crean a sensación de que se eu toco algo vouno facer peor ou a compañía eléctrica vai morrer", chancea. E, no tocante ás enerxías renovables, asegura que "a pesar de que son absolutamente democráticas, hai moitísimos intereses creados que fan que a xente teña a sensación de que non o son, creándose así unha relación amo-vasalo dentro da cal nós, como sociedade, somos vasalos daquel que distribúe, xestiona e produce a enerxía e daquel que se esforza en transmitirnos esa sensación de que nós sós non poderiamos facelo", é dicir, das grandes multinacionais. E é que o certo é que, como confesa esta profesora, "tampouco hai información suficiente de que é o que queremos como matriz enerxética, é dicir, de como eu quero producir a miña enerxía", cando, en verdade, "é algo que se pode explicar facilmente".
"EN GALICIA TEMOS UNHA VANTAXE TREMENDA, E É QUE AÍNDA HAI SITIOS NOS QUE NON SE PERDEU A XESTIÓN COMUNAL DA AUGA E DA ELECTRICIDADE"
Pois non hai que esquecer que non fai tanto tempo, e aínda a día de hoxe, moitas comunidades rurais seguen xestionando a auga e a electricidade en por elas mesmas. Isto, para López Agüera, significa que os que non o fan é porque "deron un paso atrás pola comodidade". Con todo, tamén concede que "temos unha vantaxe tremenda, e é que non está tan lonxe o tempo no que iso se facía e aínda hai sitios nos cales non se perdeu". E é que esta profesora traballa bastante con comunidades de montes e atopouse con que "verdadeiramente poderían ser os motores reais deste cambio". "Son comunidades que teñen ese concepto cooperativo, que non se ten noutros lugares, e están acostumadas a xestionar comunitariamente, comunidades das que poderiamos aprender moito e que mesmo poderían ser o motor de todo este cambio", plantexa a profesora da USC. Pero, cal é o problema co que se atopan? Para López Agüera ese problema é "a Administración; hai que dicilo así, directamente, porque é verdade, a Administración ponllo moi complicado".
Ao igual que complicado resulta tamén que a xente acepte este tipo de proxectos, porque "falta conciencia colectiva, pero, de todos os xeitos, eu sigo crendo que a conciencia colectiva hai que traballala, tes que ter un porque, porque esa mesma persoa que che di 'comigo non contes para loitar polo cambio climático, que o fagan outros', é quen de involucrarse noutro tipo de accións que son absoluta e totalmente comunitarias". É por iso que insiste en que "a conciencia colectiva hai que traballala, fomentala, e hai un traballo de fondo que non se está facendo". O principal problema ao que apunta é o descoñecemento: "Se che din que podes facer isto e isto outro, pero non che din como, nin che dan a información suficiente, non vas saber facelo". E é que reivindica que a xente funciona moito por imitación: "Se ves que unha comunidade implantou un sistema que lle funcionou e iso se fala no mercado e se ven as melloras, a comunidade do lado vai querer facer o mesmo". Así, "se en lugar de seguir fomentando esas comunidades enerxéticas que fan e que consisten en poñer tres paneis na casa do concello e dous na escola, se poñen os exemplos doutras comunidades que xa funcionan, lograranse mellores resultados", aprendendo tanto dos seus acertos como dos seus erros para facelo mellor en cada novo caso.
"AÍNDA NON É TARDE, TARDE SERÍA SE REALMENTE NON FIXÉSEMOS NADA, PERO ADOPTANDO PEQUENAS MEDIDAS PODEMOS EVITAR IR A PEOR"
De cara ao futuro, López Agüera asegura que aínda non é tarde para mudar as cousas, pois "tarde sería se realmente non fixésemos nada, pero adoptando pequenas medidas podemos evitar ir a peor". Ademais, apunta a unha cuestión pola cal sería medianamente optimista, pola que crería que pode haber avances: "A sociedade cada vez máis interésase por poder manexar a súa propia contorna e tomar as rendas da súa vida", de tal maneira que "se conseguimos facerlle entender á sociedade que os de arriba, os que gobernan, non nos van representar no tocante ás nosas necesidades, e que están tomando decisións que non son as mellores para nós, probablemente consigamos mudar a súa opinión". "Habería que facer un esforzo, iso está claro, pero creo que ese é o camiño, senón non levaría traballando sobre o tema dende o 2015", chancea a profesora da USC, convencida de que, "se hai xa máis de medio millón de persoas vivindo en comunidades sostibles no mundo, moitas delas en países máis desfavorecidos, e eles poden logralo, todos os demais tamén podemos e, afortundamente, Galicia ten moito camiño xa percorrido nese senso coas comunidades de montes e os núcleos rurais", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.