Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/11/2024 | Actualizada ás 13:29
O conselleiro maior do Consello de Contas, Juan Carlos Aladro, compareceu este mércores na comisión de investigación no Parlamento galego sobre os contratos da Xunta, onde se reafirmou --introducindo algúns matices durante o debate-- no contido do polémico informe de fiscalización sobre a concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Unha sesión na que o PSdeG puxo no punto de mira ao ex conselleiro de Fraga, Tomás Pérez Vidal, pola súa vinculación cunha das concesionarias deste hospital e ser agora, membro do Consello de Contas.
Ante os grupos parlamentarios, confirmou que si fora "máis eficiente" a alternativa de licitación pública en lugar de optar pola concesión. Con todo, engadiu a continuación, tal e como figura no informe, que a Xunta "non estaría en condicións" de construír a infraestrutura sen renunciar a "cumprir cos obxectivos de déficit" e "sen renunciar" a outros gastos e investimentos, debido ao contexto de crise económica a partir de 2008.
O máximo responsable de Contas apuntou tanto vantaxes como deficiencias na forma escollida pola Xunta para levantar o hospital. Entre estas últimas, sinalou a "falta dun estudo de viabilidade completo, que foi substituído por un estudo socioeconómico financeiro". Con todo, Aladro destacou a "redución dos prazos de construción" para esta infraestrutura, construída entre 2011 e 2015, así como "a transferencia de risco" á UTE promotora.
REBAIXA O "SOBRECUSTO" DE 470 MILLÓNS
Tras esta primeira intervención, a oposición preguntou por ese "sobrecusto" de 470 millóns de euros que o informe sinalou que suporá de máis o hospital por escoller o modelo de concesión de obra pública. A que máis fincapé fixo nesa cifra foi a deputada do Bloque Montse Prado, quen denunciou que o Álvaro Cunqueiro "supuxo que os galegos pagarán 470 millóns de euros" máis por el, a pesar de que "o PP puido optar" por un modelo totalmente público.
Na súa resposta, o conselleiro maior de Contas non empregou a palabra "sobrecusto" nin rebateu a polémica cifra, pero si introduciu un matiz. Así, explicou que o correcto é aplicar o valor anual neto (VAN), polo que a diferenza entre ambas as opcións contractuais sería, en realidade, duns 165,77 millóns de euros, IVE incluído.
TOMÁS PÉREZ VIDAL
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Elena Espinosa recoñeceu posteriormente "que non houbo un sobrecusto en sentido estrito": "Pero o que di o Consello de Contas é que alternativa, e direino mil veces, que a alternativa de licitación de obra, por unha banda, e licitación de contratos de servizos, por outra, foi o que levou a ese sobrecusto". De igual modo, sostivo que "si se podía facer un financiamento pública" para o Álvaro Cunqueiro e que o bipartito que dirixiu o socialista Emilio Pérez Touriño, entre 2005 e 2009, "si fixo o estudo" para facelo desta forma.
Ademais, Espinosa centrou parte das súas críticas en denunciar que Tomás Pérez Vidal --expresidente do Parlamento galego, exconselleiro de Fraga e actual membro do Consello de Contas-- foi ata 2020 conselleiro delegado do Grupo Puentes e Calzadas, unha das empresas que conforman a UTE concesionaria (Sociedade Novo Hospital de Vigo).
A socialista tamén censurou a "ocultación deliberada" desta información no seu currículo e o posible "conflito de intereses" porque é o encargado de fiscalizar ao Sergas. No entanto, Aladro respondeulle que Pérez Vidal "non interveu, de ningunha maneira", no documento sobre o Álvaro Cunqueiro.
Por parte do PPdeG, o deputado Roberto Rodríguez celebrou que a comparecencia do conselleiro maior confirmase que "en ningún caso" era un "sobrecusto" esa cifra de 470 millóns. Así mesmo, aínda que Contas veo "máis eficiente", o popular insistiu en que "non era viable", polo momento de crise financeira, que a Xunta fixese por si soa o hospital.
Tampouco comparte o PP o criterio que emprega Contas para afirmar, no seu informe, que a superficie construída do edificio no proxecto básico redúcese en case 22.000 metros cadrados en execución de obra. "O informe só ten en conta a superficie útil hospitalaria, un criterio que respectamos pero non compartimos", apuntou Rodríguez.
CONTRATOS DE EMERXENCIA
Aínda que era outro dos asuntos a abordar na comisión de investigación, creada por petición do BNG, neste debate apenas se falou dos contratos menores e os de emerxencia en pandemia. A oposición puxo o foco naqueles asinados con empresas vinculadas coa contorna do expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo. É o caso de Eulen, que ten á súa irmá, Micaela Núñez Feijóo, como directora para o Noroeste; e Universal Support, firma na que traballa o seu cuñado, Ignacio Cárdenas, e que serviu de apoio para o servizo de rastreadores durante a covid.
O conselleiro maior confirmou que a pandemia tivo un gran "impacto sobre a capacidade contractual" do Sergas nun "mercado inestable e moi volátil" a nivel mundial. Entre marzo de 2020 e maio de 2021, "a práctica totalidade" dos contratos para atender as necesidades sanitarias provocadas pola covid fixéronse a través da vía de emerxencia. 148 dos expedientes concentráronse nos servizos centrais do Sergas e supuxeron "o 47 por cento" do total.
Entre as recomendacións que fai o órgano fiscalizador, está a de que "debería primar sempre" a utilización de procedementos contractuais con concorrencia competitiva. Tamén reprocha que "nalgúns expedientes apreciáronse deficiencias en memorias xustificativas".
Respecto diso, Roberto Rodríguez (PP) subliñou que o Sergas remitiu "toda a información" sobre estes contratos a Contas, sen que esta institución formulase "reparos de legalidade". Por tanto, o popular ven desmontada a "paranoia corrupta" que ve a oposición "desde hai 15 anos".
Posteriormente, tamén para responder a unha cuestión formulada polo deputado de Democracia Ourensá, Armando Ojea, o conselleiro maior confirmou que Contas "non ten funcións de enxuiciamento" e que, "en caso de apreciar responsabilidade penal", púxose en coñecemento da Fiscalía.
GÓMEZ CAAMAÑO
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, compareceu este mércores na comisión de investigación de contratos da Xunta, onde cargou contra a oposición por "insultar moi gravemente a moitas persoas" coas súas críticas e reparos cara aos contratos menores e de emerxencia durante a pandemia, entre eles algúns con empresas vinculadas á contorna do expresidente Alberto Núñez Feijóo. Para Gómez Caamaño, "botar sombras de dúbida sobre o durísimo traballo" dos responsables sanitarios na crise covid é "unha falta de respecto e unha gran inxustiza".
"Pretender convencer a alguén de que nos peores momentos da pandemia os responsables de Sanidade estaban a buscar algo diferente que salvar vidas é insultar a moitas persoas", insistiu o actual conselleiro, para destacar o labor tanto dos profesionais sanitarios como dos seus predecesores no cargo, Jesús Vázquez Almuiña e Julio García Comesaña.
Gómez Caamaño sinalou que todos os contratos do Sergas son "obxecto de fiscalización recorrente" por parte do Consello de Contas, un órgano que nos seus informes "simplemente" recolle "recomendacións de mellora" que a súa Consellería "sempre trata de integrar".
Similares termos empregou para defender o modelo de concesión elixido fai máis dunha década para levantar o Hospital Álvaro Cunqueiro: "Afirmar que Sanidade tomou a decisión de construír o hospital público que Vigo necesitaba con motivación distinta a solucionar un problema sanitario urxente é un auténtico delirio".
O actual conselleiro tomou posesión en abril deste ano, polo que non interveu neste proceso. A pesar diso, recoñeceu que el "tamén fixese así", porque foi unha decisión "totalmente atinada". "Se non se chega a construír o Hospital Álvaro Cunqueiro como se fixo, Vigo afrontaría a pandemia desde o vello Hospital Xeral, cunhas consecuencias que non queremos imaxinar", reflexionou o conselleiro.
Así mesmo, aproveitou para cargar contra o goberno presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño, entre 2005 e 2009, para asegurar que "non puxo nin un só ladrillo" do novo hospital. "O problema foi que o bipartito non tiña as capacidades, a valentía ou a determinación que se necesitaba para solucionar os graves problemas que tiña a sanidade pública na área de Vigo, no peor escenario económico. Naquel momento, o hospital de Vigo ou se facía así ou non se facía", explicou.
LEAS
Luis Bará (BNG), consciente de que Gómez Caamaño non interveu nin na construción do Álvaro Cunqueiro nin nos contratos en pandemia, aproveitou a súa presenza para pedirlle que se "comprometa" a entregar expedientes dos contratos de emerxencia durante a pandemia solicitados ao amparo do artigo 9 do Regulamento do Parlamento. "Desde a Consellería de Sanidade trouxeron caixas, caixas e caixas de documentación. Revisounas todas? Está seguro de que non había ningún papel aí?", espetáballe posteriormente o conselleiro, para defender a súa "transparencia".
Pola súa banda, Elena Espinosa (PSdeG) ratificou que a asistencia á comisión do actual conselleiro, que tivo "cero" relación coa construción do Álvaro Cunqueiro e coa xestión da pandemia, é "unha mostra" da intención do PP de que "non se investigue nada". En fronte, o deputado do PP Roberto Rodríguez pediulle que se "desculpe", porque o plan de traballo que propuña o Grupo Socialista incluía a comparecencia de Gómez Caamaño.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.