Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/02/2016 | Actualizada ás 12:00
O PPdeG non quere parar de inxectar cartos públicos aos grandes medios de comunicación, aínda que, con esa medida estean fomentando a prostitución e a explotación sexual. No debate do estado da Autonomía do ano 2012 era aprobada unha proposta do grupo socialista para promover a eliminación dos anuncios de contactos en Internet e nos medios de comunicación galegos. Pero a medida segue sen facerse efectiva.
Case catro anos despois, os votos dos deputados do Partido Popular botaron abaixo unha iniciativa de AGE na que se solicitaba, precisamente, a suspensión das axudas públicas aos medios de comunicación que conteñan anuncios de contactos e ofertas de prostitución. É dicir, o PPdeG votou en contra do que votara a favor en 2012, pero que non cumpriu.
Esta esixencia xa llela teñen trasladado á Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta distintas entidades xornalísticas, entre elas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG) ou a Asociación de Medios en Galego (AMEGA), entre outros, sen nengún tipo de resultados.
Precisamente, a proposición non de lei de Age ía nesta dirección e demandaba tamén que o Parlamento instase á Xunta a reclamar ao Goberno a modificación da Lei Xeral de Publicidade para garantir que se prohiban legalmente ditos anuncios co fin de non fomentar a violencia machista e protexer aos menores de idade.
A deputada de AGE Eva Solla, que defendeu a iniciativa presentada polo seu grupo, rexeitou unha emenda de substitución presentada polo grupo Popular. Nela, a deputada Marta Rodríguez-Vispo propuña que a Cámara instase á Xunta a "continuar desenvolvendo accións de formación e sensibilización cos profesionais dos medios, co obxectivo de velar pola eliminación do sexismo nos contidos informativos e nas mensaxes publicitarias".
Sen embargo, esta emenda non atacaba a raíz do problema, é dicir, a supresión das axudas públicas aos medios que fomentan a prostitución. Apostaba, en troques, por cuestións máis vagas como “adoptar as medidas que se recollen, neste sentido, no informe elaborado pola Subcomisión para a análise e estudo de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, constituída dentro da Comisión de Igualdade do Congreso dos Deputados".
"Temos un obxectivo común que é a eliminación dos anuncios de contactos de prostitución tanto de Internet como dos medios de comunicación, do que se trata é de non perderse no camiño senón de conseguir o obxectivo todos xuntos", dicía a deputada popular
“Manter a día de hoxe na prensa eses anuncios mal chamados de contactos, pois son de prostitución, é unha irresponsabilidade", contestoulle Solla que destacou "o paradoxo" que supón que "os medios que publican estes anuncios reciben subvencións por parte dos gobernos do Estado e tamén por parte do Goberno galego".
"Parécenos unha hipocrisía que por unha banda se diga que hai que lexislar e que a violencia de xénero é unha secuela tremenda, cando estamos a facilitar subvencións públicas a eses mesmos medios que se lucran precisamente á conta da explotación das mulleres", sinalou.
Solla expuña que se adoptasen medidas, "polo menos unha cuestión de mínimos", dixo, no sentido de que non se subvencione con diñeiro público aos medios que sigan publicando osdevanditos anuncios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.