Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/11/2024 | Actualizada ás 20:04
O Parlamento de Galicia aprobou este xoves a proposición non de lei impulsada polo grupo popular para pedirlle ao Goberno que adopte "cantas medidas sexan necesarias" para "garantir a plena asistencia" aos mutualistas. Para iso, piden a licitación "de maneira urxente" o concerto con Muface de forma que se impida que esta situación, na que consideran que ten "responsabilidade directa", "impacte nos sistemas sanitarios públicos das distintas comunidades autónomas.
Así mesmo, pídese que, en caso necesario, se prorrogue o servizo actual ata que non se produza a nova adxudicación. A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que o pasado 5 de novembro quedou deserta a licitación do concerto para prestar asistencia sanitaria no ámbito de MUFACE a consecuencia, aducen, dunha infrafinanciación do servizo, "xunto cunhas coberturas máis esixentes das que presta o propio Sistema Nacional de Saúde nalgúns aspectos". "A desaparición de MUFACE tería un notable impacto na asistencia sanitaria pública, pois só en Galicia tería que absorber máis de 60.000 adscritos que se estiman na comunidade, coa consecuente necesidade de contratar decenas de médicos de familia", indicou.
Ademais destes problemas na atención da sanidade pública, apuntou, esta situación "produciría unha descontinuidade asistencial, pois os pacientes deixarían de estar atendidos polo seu médico de toda a vida; e unha desconexión da historia clínica, xa que o sistema IANUS de historia clínica da sanidade pública galega non conta cos datos da sanidade privada á que acoden os usuarios de MUFACE", explicou. Ante esta situación, a portavoz popular criticou que no Goberno existan "dúas correntes": "a de Función Pública, que propón volver licitar cun maior importe e, por outra banda, o Ministerio de Sanidade, partidario de eliminar Muface e que a sanidade pública absorba a todos os seus adscritos".
OPOSICIÓN
Pola súa banda, a socialista Carmen Dacosta defendeu o proceso de licitación impulsado polo Goberno, con consultas que "engaden transparencia ao proceso e transmiten unha mensaxe de tranquilidade aos mutualistas, que poden comprobar como desde Muface trabállase nunha nova licitación. Por contra, a nacionalista Iria Carreira criticou o sistema, que tachou de "anacrónico e incoherente" ao derivar a traballadores que "sosteñen os servizos públicos a mutuas privadas". Ademais, asegurou que o sistema "non funciona como debese", xa que "non se garante a asistencia coas condicións recollidas nos contratos en vigor", ademais de que as aseguradoras, sinalou "realizan unha selección de riscos que obriga a moitos mutualistas a trasladarse á pública". "É un sistema que promove a desigualdade na atención sanitaria", afirmou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.