Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 28/11/2024 | Actualizada ás 20:17
A comisión constituída no Parlamento galego para investigar a política de contratación da Xunta tamén tivo este xoves certos momentos de tensión. A última rifa tivo como protagonistas á presidenta da comisión, a popular Elena Candia, e a deputada do BNG Montse Prado. Ocorreu cara ao final da comparecencia de Elena Muñoz, que foi conselleira de Facenda con Alberto Núñez Feijóo, entre os anos 2012 e 2015. Candia reprochou aos asistentes as constantes interrupcións durante os debates e os discursos das persoas que son citadas á comisión. "É moi incorrecto que se interrompan cando falan os distintos grupos parlamentarios, pero, se se me permite esta reflexión, aínda é moito máis incorrecto cando o fan cos comparecentes. Non se fixo con todos os comparecentes e todos merecen absolutamente a mesma exquisitez no trato", manifestou a dirixente popular.
Nese momento, Montse Prado empezou a falar desde a súa mesa e Candia espetoulle: "Vostede chega unha hora tarde e fáiselle longa a comisión, porque non respecta a ninguén". A nacionalista reprochoulle estas palabras mentres lle apuntaba co dedo índice, ao que Candia pediulle que "respecte á Presidencia" e díxolle: "Non me ameace co dedo, que iso ademais é unha falta de educación". Nese momento, Prado acendeu o seu micrófono para intervir. "Non pode interromper sen pedir a palabra", advertiulle Candia. "E vostede non pode insultarme gratuitamente", replicoulle a responsable do BNG, para seguidamente pedirlle que retirase as súas palabras. "Non insultei a ninguén. E que vou retirar? Que está a interromper constantemente? É absolutamente incómodo e unha falta de respecto. Hai persoas que non interrompen nunca e outras que interrompen constantemente. É un dato obxectivo, non é ningunha valoración e ningunha falta de respecto", resolveu Elena Candia, antes de dar a sesión por finalizada cun agradecemento a Elena Muñoz por comparecer no Parlamento.
ANTERIORES LEAS
Esta discusión foi a de maior ton que se produciu nesta comisión durante o seu catro xornadas de comparecencias. Con anterioridade xa se estaban producindo constanttes leas que obrigaron á presidenta a intervir. Por exemplo, un desencontro o martes entre o deputado do PP Roberto Rodríguez e a do PSdeG Paricia Rodríguez, despois de que esta última denunciase que a Xunta deseñara a concesión do Hospital Alvaro Cunqueiro como un "traxe a medida" da concesionaria. Tamén apuntou a "irregularidades" en contratos do Goberno galego a empresas dirixidas por persoas da contorna do expresidente Alberto Núñez Feijóo. O popular díxolle que imputara a empregados públicos "un delito de prevaricación administrativa, como mínimo". Ambos pedíronse mutuamente retirar as súas palabras e, despois de que Igrexas avisase de que formularía unha queixa ante a Mesa do Parlamento, Candia pediulles a ambos que acordasen que as súas palabras non constasen en acta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.