As dúas candidatas a presidir o PP de Lugo miden as súas forzas

A portavoz popular na deputación, Elena Candia, di que “cuantitativa e cualitativamente” está mellor e a delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias, cre que as forzas están "equilibradas"

Por Galicia Confidencial | Lugo | 12/02/2016 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A guerra polo control do PP de Lugo non ten tregua a pesar de que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, tentou poñer calma advertindo que a parte gañadora terá que “integrar” á parte perdedora.  Un gañador que para Elena Candia está case claro, mentres que para Raquel Arias non o está tanto.

Alberto Núñez Feijóo, con Elena Candia
Alberto Núñez Feijóo, con Elena Candia | Fonte: Xunta.es

E é que a portavoz do grupo provincial e alcaldesa de Mondoñedo vese nunha posición "moitísimo mellor" para vencer no congreso provincial porque agora di sentirse "moito máis apoiada" e coa "seguridade" de alcanzar un "escenario positivo". "Non se se cuantitativamente estou mellor, creo que si. Teño datos obxectivos que así o testemuñan. Pero desde logo, cualitativamente estou moitísimo mellor, moitísimo máis forte e moitísimo máis segura deste proxecto, con moita máis ilusión", aclarou.

"Non o vexo en termos de competitividade", engadiu e suliñou que se sente "moi apoiada" e "a medida que vai avanzando a campaña, as agrupacións municipais maniféstanse de forma máis clara". "Que a xente dea ese paso e mo diga con liberdade. Que se achegue mesmo para ofrecerse a traballar, dáme ganas, dáme forzas e faime sentir moitísimo máis forte que cando empecei", indicou. Candia está apoiada polos sectores barreiristas.

Pola contra, a súa contrincante, e delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, que conta co apoio da dirección galega, ve "equilibrada" a loita. "Estamos moi satisfeitos", dixo Arias, “a pesar do poquísimo tempo que tivemos para pornos en contacto coa militancia, porque esta candidatura presentouse hai tres días".

“Moitos afiliados puxéronse en contacto coa xente do meu equipo para sumarse ao meu proxecto político desde o primeiro momento", dixo aínda que quixo deixar claro que para a súa candidatura non é "fundamental" o número de avais que presentará para concorrer ao congreso, porque "con 75 é suficiente".

Arias tamén falou das diferencias que existe coa súa rival e recoñeceu que no PPdeG hai "moitas sensibilidades", que agora se agrupan "ao redor de dúas formas parecidas", que se diferencian "só por matices, non no fondo das cuestións" importantes. Por iso, pediu á militantes "tranquilidade total e absoluta", que "non teñan medo a expresarse e a dicir como queren que sexa o seu partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta