A gordofobia, tema do monólogo que clausura o “Outono a escena” de Arzúa

Será este venres 29 de novembro na Capela da Madalena de Arzúa. O espectáculo corre a cargo de Esther F. Carrodeguas, coñecida actriz e dramaturga, graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e Licenciada en Periodismo entre Santiago de Compostela e Turín.

Por Galicia Confidencial | Arzúa | 29/11/2024 | Actualizada ás 19:10

Comparte esta noticia

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres a última actuación da programación cultural Outono a escena deste ano que ofertou nas fins de semana outonais dos meses de outubro e novembro un total de 14 propostas contando con actuacións de artes escénicas e musicais para todos os públicos.

Monólogo de Leti da Taberna, dentro do 'Outono a escena' do Concello de Arzúa. Foto: Prensa Concello.
Monólogo de Leti da Taberna, dentro do 'Outono a escena' do Concello de Arzúa. Foto: Prensa Concello.

Neste caso contarase co monólogo "O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada" de Esther F. Carrodeguas, da compañía ButacaZero.

Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de autoficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho desta apaixonante sociedade da fermosura.

ESTHER F. CARRODEGUAS

Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, performer pero sobre todo escritora. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e Licenciada en Periodismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben moito da súa faceta xornalística. Tras recibir varios premios, decide dar vida á plataforma profesional ButacaZero xunto a Xavier Castiñeira, quen adoita asumir a dirección dos proxectos comúns que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual. Na actualidade compaxina a súa faceta como empresaria en ButacaZero coa de ser dramaturga, directora teatral, actriz ou guionista de cine.

A función comezará ás 21:00h. e será de acceso libre e gratuíto ata completar a capacidade. A apertura de portas realizarase media hora antes do inicio.

O concelleiro de cultura, José Luís García, anima “ás veciñas e veciños a participar neste espectáculo e agradece a participación de todas as persoas que se achegaron a algunha función durante o outono, pois o éxito desta programación é grazas ao público”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta