Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2024 | Actualizada ás 15:18
Varios centos de persoas manifestáronse este sábado en Santiago de Compostela baixo a lemo 'CRTVG pública e plural' "en defensa dos medios públicos" e contra a "externalización" de programas, convocados polo Comité intercentros da corporación. Cunha pancarta na que se podía ler 'CRTVG pública e plural. En defensa do servizo público', a marcha partía da Praza Roxa pasadas as 12.00 horas para, a continuación, percorrer varias rúas do Ensanche compostelán ata chegar ao centro histórico e concluír na Praza de Praterías, onde leron un manifesto.
A presidenta do comité de folga, Raquel Lema, enmarcou esta manifestación no contexto de folga indefinida que comezaron o pasado 7 de outubro e, tal e como trasladou en declaracións aos medios, cren que agora era "o momento de sacar este SOS e implicar á cidadanía para que tome conciencia" e se lles axude a "rescatar os medios públicos de comunicación". Tamén reprochou que se "regale diñeiro a produtoras" para que "transmitan directamente as consignas e ideas que lles interesa transmitir".
"GABINETE DE PROPAGANDA"
Así mesmo, na marcha tamén participou a portavoz do BNG, Ana Pontón, que denunciou que o PP "converteu" os medios públicos no "seu gabinete de prensa particular". "É unha situación que non se pode tolerar, que os medios públicos deste país estean convertidos en gabinete de propaganda e publicidade do Partido Popular, que ademais quere darlle unha nova volta de porca presentando un proxecto de lei que lle vaia a permitir decidir unilateralmente quen vai ser o próximo director ou directora nestes medios", criticou. Para a líder da oposición, isto significa "seguir profundando nunha liña antidemocrática". "Desde o BNG estaremos sempre na defensa dos medios públicos, plurais, ao servizo da sociedade galega e estamos aquí tamén para defender unha tele e unha radio que ten que ser de todos e todas e non o gabinete de propaganda do Partido Popular", resolveu.
NOVOS PAROS
Esta mesma fin de semana arrincan novos paros, o primeiro este 30 de novembro, de 8.00 a 15.30 horas, coincidindo coa manifestación. O segundo terá lugar o domingo, 1 de decembro, en horario de tarde, desde as 16.30 horas ata medianoite. Durante o mes de decembro, os paros manteranse en días alternos: luns, mércores e venres, arrincando 15 minutos antes (desde as 11.15 ata as 13.45 horas); ata o venres 13 de decembro. Será este día cando, destacan, "aumentará a presión" coa convocatoria dunha folga de 24 horas, que afectará a todas as quendas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.