Os alumnos galegos, dos que máis destacan en Ciencias e Matemáticas de España, por enriba da media

O último informe TIMSS da Asociación Internacional para a Avaliación do Rendemento Educativo reflicte que os alumnos de Primaria de Galicia superan a media española en Ciencias e Matemáticas, ademais de en outras áreas como xeración de igualdade de oportunidades ou concienciación ambiental.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2024 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

O último informe TIMSS da Asociación Internacional para a Avaliación do Rendemento Educativo reflicte que os alumnos de Primaria de Galicia superan a media española en Ciencias e Matemáticas, ademais de en outras áreas como xeración de igualdade de oportunidades ou concienciación ambiental. Segundo informou a Consellería de Educación, Galicia participou por primeira vez neste estudo cunha mostra ampliada, xunto con outras 8 Comunidades Autónomas (as 17 Comunidades participan, pero só 9 teñen datos desagregados), e no informe os alumnos galegos alcanzan unha puntuación de 525 en rendemento en Ciencias (a media española é de 504 puntos) e sitúase en segundo lugar no ranking das comunidades analizadas, a tres puntos de Asturias.

En rendemento matemático, Galicia suma 509 puntos, fronte aos 498 da media estatal; mentres que en Conciencia Ambiental chega aos 533 puntos, 23 puntos máis que a media española. Por outra banda, o estudo reflicte que Galicia é a comunidade onde o contexto socioeconómico dos alumnos inflúe menos nos seus resultados académicos. Este parámetro mídese a partir dunha serie de variables, que determinan a capacidade do sistema educativo de ofrecer igualdade de oportunidades. Os estudantes galegos tamén conseguen as puntuacións máis altas de alumnado resiliente.

A Xunta destacou que estes resultados "avalan" as liñas de traballo prioritarias do goberno galego para "blindar un sistema educativo de calidade, equitativo, igualitario e inclusivo". Así mesmo, subliñou que o seu obxectivo é "continuar reforzando" a aprendizaxe dos estudantes galegos, para o que, especialmente na área de Matemáticas, está a ultimar un programa de apoio que se presentará antes de que acabe o ano. No estudo TIMSS 2023 participaron 59 países, entre eles España cunha mostra de 500 centros e máis de 10.000 estudantes. Galicia é unha das nove Comunidades que participou nesta edición con ampliación de mostra, xunto con Andalucía, Canarias, Castela e León, Cataluña, Madrid, Navarra, Baleares e Asturias.

Alumna nunha aula
Alumna nunha aula | Fonte: ANA VARELA - XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta