Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 08/12/2024 | Actualizada ás 15:17
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, acusou á Xunta de "utilizar fondos públicos" para "favoreces ás empresas privadas" que "fan negocio" coa rede de servizos sociais, tanto na atención ás persoas maiores como no caso dos nenos de 0 a 3 anos. "Son exemplos perfectos de como o goberno do PP dedícase na Xunta a coller fondos públicos para drenarlos a empresas privadas", asegurou Rodil nun comunicado.
No caso da atención ás persoas maiores, Rodil destacou que a Xunta dedica "nin máis nin menos que 100 millóns de euros cada ano" para "seguir cebando o negocio dun pequeno grupo de empresas", mentres que "só dúas de cada dez" prazas de residencia son públicas na comunidade galega.
"Hai un déficit tan grande" de residencias públicas, advertiu Rodil, que as persoas da provincia de Pontevedra "esperan case dous anos" para acceder a unha praza, á que "teñen dereito" pola lei de Dependencia.
Olalla Rodil lembrou os datos do propio Executivo galego, que apuntan a que "case 1.500 persoas" esperan por unha praza de residencia "sen recibir outro recurso", e "6.691 persoas" reciben unha axuda para pagar unha praza de residencia na privada por "non poder acceder a unha pública".
Neste sentido, o BNG defendeu o "dereito a unha vellez digna" mediante un modelo de coidados diferente, cunha "rede pública forte" tanto de centros residencias como de día que "garantan os dereitos fundamentais das persoas".
Por todo iso, o BNG defenderá no Parlamento de Galicia unha iniciativa para reclamar á Xunta que asuma a "xestión pública e directa" das residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega en Ferrol, A Coruña e Pontevedra.
Ademais, pedirá que inicie o proceso de "reversión ao público" das residencias de titularidade da Administración galega concesionadas a empresas privadas a medida que se achegue a data de vencemento dos contratos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.