Descenden os procesos xudiciais por okupacións, falta de alugueiro e execucións hipotecarias

Os xulgados galegos practicaron no terceiro trimestre deste ano 196 lanzamentos, un 35,3 % menos que nas mesmas datas de 2023.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 09/12/2024 | Actualizada ás 10:47

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos practicaron no terceiro trimestre deste ano 196 lanzamentos, un 35,3 % menos que nas mesmas datas de 2023. Deles, 156, o 79,6 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), é dicir, por falta de pagamentos de alugueiro, os cales descenderon un 39,8 %. Outros 27 corresponderon a execucións hipotecarias -un 15,6 % menos que en 2023-; e os 13 restantes derivaron doutras causas. En Galicia practicáronse no período estudado, por cada 100.000 habitantes, 5,8 lanzamentos derivados da LAU; e 1, de execucións hipotecarias.

Casa okupada da Algalia en Santiago de Compostela
Casa okupada da Algalia en Santiago de Compostela

No conxunto do Estado os lanzamentos practicados entre xullo e setembro baixaron un 3,1 % respecto ás mesmas datas de 2023, segundo se desprende do informe Efectos da crise económica nos órganos xudiciais, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Galicia foi a segunda comunidade na que se rexistrou un maior descenso (35,3), por detrás da Rioxa (un 36,4 % menos).

As execucións hipotecarias iniciadas en Galicia no terceiro trimestre rexistraron un aumento interanual do 154,4 %, pois no período estudado se presentaron 262, fronte ás 103 do ano anterior. Galicia foi a segunda comunidade na que se rexistrou un maior aumento, por detrás de Castela e León (162,6 %) e da Comunidade Valenciana (161,6).

OKUPACIÓNS

O estudo do TSXG tamén reflicte que os xulgados galegos ingresaron 25 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, un 13,8 % menos que nas mesmas datas de 2023. Poñendo en relación o número de procedementos ingresados coa poboación, en Galicia rexistráronse 0,9 por cada 100.000 habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta