Novas facilidades para que os emigrantes galegos poidan atopar traballo e retornar a Galicia

Poderán recibir un complemento económico de ata 1.800 euros os que sexan contratados e necesiten inmediatamente alugar vivenda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2024 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns as bases da segunda edición do programa 'Retorna Cualifica Emprego', que conta cun orzamento de 2,3 millóns de euros para facilitar o acceso a ofertas de traballo a emigrantes de orixe galega, unhas axudas que poden solicitarse desde o luns 16 de decembro. Unha das novidades desta edición é que, en 2025, publicarase unha nova orde bianual que contará cun orzamento de 2 millóns de euros para que as empresas poidan rehabilitar vivendas co obxectivo de que estean a disposición dos traballadores galegos retornados.

Enmarcada na 'Estratexia Galicia Retorna', esta iniciativa ten como principal obxectivo favorecer a volta a Galicia de persoas que emigraron, ou dos seus descendentes, coa oferta de traballos en empresas. Neste contexto, a Consellería de Emprego subliñou nunha nota de prensa que, a súa intención, é beneficiar ata finais de 2025 a "200 residentes no exterior menores de 55 anos". En concreto, a 'Estratexia Galicia Retorna' na que se enmarcan estas axudas, foi aprobada polo Consello da Xunta o 15 de decembro de 2022 e inclúe diferentes medidas destinadas, por unha banda, a rexuvenecer á poboación galega e contribuír a "superar a crise demográfica" e, por outro, a facilitar o dereito das persoas emigrantes galegas e da súa descendencia a regresar a Galicia.

Neste sentido, a orde publicada este luns subliña que "é necesario facilitar" que as persoas interesadas en retornar a Galicia dispoñan tanto de información como de formación que lles permita "conseguir a posibilidade de contar cunha oferta de traballo e chegar a Galicia coa garantía da súa inserción laboral", e son precisamente estes os obxectivos do programa 'Retorna Cualifica Emprego'.

DETALLES DA CONVOCATORIA 2025

Deste xeito, o programa contempla, entre outras accións, a detección de postos de traballo que non estean cubertos por poboación residente en Galicia "en base ás necesidades que así manifesten as empresas interesadas en cubrir esas vacantes". Unha vez realizado o encaixe entre oferta e demanda, a Xunta asegurou que contempla a elaboración de plans personalizados de cualificación e empregabilidade, "incluíndo os recursos de formación necesarios que poidan ser de interese para complementar a capacitación profesional necesaria para os postos que se van a ocupar".

En canto á novidade desta edición, destaca a incorporación de apoios para o aluguer de vivenda, por unha banda, axudas durante un máximo de tres meses para arrendar un inmoble e, por outro, a cobertura dos primeiros gastos asociados a ese aluguer (como a constitución de fianzas ou o dar de alta a luz, a auga ou o teléfono). Con todo, a Xunta lembrou que esta iniciativa está incluída no plan de "captación de talento" que está a desenvolver cunha dotación que supera os 11 millóns de euros para 2025. Neste sentido, incidiu en que o traballo do Goberno galego neste ámbito "segue a liña trazada pola Unión Europea" para facer fronte á "escaseza" de man de obra.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no seu encontro para avanzar nos programas de emprego da Estratexia Retorna 2026
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, no seu encontro para avanzar nos programas de emprego da Estratexia Retorna 2026 | Fonte: Xoán Crespo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta