A emigración en Barcelona tamén se mobiliza contra Altri

A Asemblea Cultural Galega de Barcelona (ACGB) convoca unha concentración o domingo 15 de decembro de 2024, ás 12:00 h. na Plaça da Vila de Gràcia, para protestar contra a implantación da macrocelulosa na comarca da Ulloa.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 10/12/2024 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

As protestas contra Altri chegan tamén a Cataluña, comunidade onde o colectivo asembleario cultural ACGB (Asemblea Cultural Galega de Barcelona) apoiará a convocatoria da Plataforma Ulloa viva e a Plataforma pola Defensa da Ría de Arousa, organizacións convocantes da manifestación que terá lugar en Compostela o vindeiro 15 de decembro ás 12:00 h.

Cartel da convocatoria.
Cartel da convocatoria.

Neste caso, o colectivo galego-catalán impulsa unha concentración de apoio en Barcelona, concretamente na Plaça da Vila do barrio de Gràcia, o mesmo día e á mesma hora.

SOBRE O PROXECTO DE ALTRI

Dende a ACGB explican que o macroproxecto Altri consiste na construción dunha fábrica de producción combinada de celulosa e lyocell en Palas de Rei. A extensión física que precisa é de 360 ha, situadas a unha distancia de 2 quilómetros do Camiño de Santiago. Contará cunha cheminea de 75 metros que botará ao día 8754 quilos de gases contaminantes, entre os que se encontran óxidos nitrosos e óxidos sulfurosos. A materia prima que se precisa é eucalipto, especie vexetal pirófita e invasora. Pecisará captar 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Potodemouros e devolver a un tramo do alto Ulla 30 millóns de vertido o día con 62.010 L de substancias contaminantes como nitróxeno ou sultafos. Por todo o anterior, a implantación de Altri en Palas de Rei tería un impacto negativo directo na comarca da Ulloa, pero tamén no aire e a auga de todo o país. Como di un dos lemas da convocatoria: "Nace na Olveda, desemboca na ría de Arousa, e dende aí baña todos os mares da Terra"

ACTIVISMO CONTRA ALTRI DENDE A EMIGRACIÓN

O pobo galego leva respondendo de xeito activo, crítico e unido dende que se deron a coñecer os detalles do macroproxecto e dende o colectivo ACGB queren sumarse a esta mobilización convocada en Compostela. Fano para demostrar que existe tamén unha diáspora conectada con Galicia e comprometida coa defensa dun territorio ao que, malia a distancia, segue enraizado. É por iso que, ante a imposibilidade de asistir á manifestación programada en Compostela, decidiu convocar unha concentración simultánea en Barcelona, na plaça da Vila de Gràcia, corazón do barrio no que desenvolve a súa actividade cultural. 

Membr@s da ACGB. Foto cedida.
Membr@s da ACGB. Foto cedida.

SOBRE A ACGB 

A Asemblea Cultural Galega de Barcelona nace como alternativa 3.0 ao asociacionismo galego en Cataluña. Unha alternativa autofinanciada, autoxestionada, apartidista e con presenza na rede.

Trátase dun espazo físico e virtual onde traballar xuntos e xuntas creando espazos para o deporte, a literatura, pintura, teatro, música, cinema ou calquera outra manifestación cultural e co obxectivo de alcanzar unha galeguidade aberta, crítica, vital e creativa en todos os eidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta