Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2024 | Actualizada ás 11:07
As demandas de ruptura matrimonial xestionadas nos xulgados galegos experimentaron un crecemento do 4,5% durante o terceiro trimestre do ano 2024. Segundo os datos facilitados este mércores polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os órganos xudiciais ingresaron entre xullo e setembro 1.077 demandas de nulidades, separacións e divorcios; 46 máis que no mesmo período do ano anterior.
Desta forma, contabilizáronse 39,8 demandas por cada 100.000 habitantes en Galicia desde o 1 de xaneiro ata finais de setembro, dúas décimas por encima da media da taxa do conxunto estatal. En concreto, os divorcios consensuados rexistraron unha caída do 2,2% ao descender de 627 aos 613 deste ano, mentres que aumentaron o non consensuados (de 379 a 430, un 13,5%).
En canto ás separacións, no terceiro trimestre de 2024 houbo 26 consensuadas polas 18 do ano anterior e 7 non consensuadas polas 5 de 2023. Entre xullo e setembro contabilizouse unha petición de nulidade matrimonial. Ademais, activáronse 147 procedementos de modificación de medidas consensuadas (3,9% menos) e as demadas por modificación de medidas non consensuadas pasaron de 332 a 336, un 1,2% máis.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse 226 demandas de modificación de medidas consensuadas, fronte ás 201 do terceiro trimestre de 2023, o que supón un aumento do 12,4%. Por último, o terceiro trimestre do ano tivo 264 demandas de modificación de medidas non consensuadas (251 o ano anterior), o que representa unha subida interanual do 5,2 %.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.