As contas da Xunta chegan ao pleno con "cero emendas" da oposición aceptadas

Os orzamentos da Xunta xunto á lei de medidas fiscais, coñecida como lei de acompañamento, chegan ao pleno para a súa aprobación definitiva o vindeiro martes entre críticas dos grupos da oposición (BNG, PSdeG e Democracia Ourensana) pola falta de receptividade do grupo maioritario, o PP, a incluír as súas emendas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/12/2024 | Actualizada ás 13:37

Comparte esta noticia

Os orzamentos da Xunta xunto á lei de medidas fiscais, coñecida como lei de acompañamento, chegan ao pleno para a súa aprobación definitiva o vindeiro martes entre críticas dos grupos da oposición (BNG, PSdeG e Democracia Ourensana) pola falta de receptividade do grupo maioritario, o PP, a incluír as súas emendas. Este mércores quedou configurado en xunta de portavoces a orde do día do dobre pleno (o de orzamentos, extraordinario; e o ordinario quincenal) cos que o Parlamento de Galicia despide o último período de sesións do ano 2024.

Ultimada a súa tramitación parlamentaria ao longo das últimas semanas tras o seu paso por plenos e comisións, as contas para 2025 da Administración autonómica serán aprobadas o vindeiro martes grazas á maioría absoluta do PP, ao que a oposición acusa de non atender as súas propostas. O portavoz popular na Cámara autonómica, Alberto Pazos Couñado, destacou que Galicia terá "en tempo e forma" orzamentos aprobados "por 16º ano seguido", nesta ocasión, centrados en atender "catro obxectivos" principais: vivenda, innovación, servizos públicos e o desenvolvemento de sectores produtivos a través da "transición verde". En canto a lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña o proxecto de orzamentos, o máximo representante do Grupo Popular resaltou a creación da taxa turística voluntaria para os concellos e os cambios introducidos para o sector eólico.

Pleno do Parlamento de Galicia
Pleno do Parlamento de Galicia | Fonte: PARLAMENTO - Arquivo

Pola súa banda, os grupos da oposición coincidiron en censurar a actitude do grupo maioritario, ao que acusan de "pecharse" ás achegas durante a fase de tramitación dos orzamentos. Así, Olalla Rodil (BNG) cre que o debate orzamentario evidencia "o talante e a concepción" que ten o PP de "a representatividade" das forzas políticas tras aceptar "cero emendas" do grupo nacionalista a unhas contas que "son literalmente" a proposta trasladada pola Xunta. Elena Espinosa (PSdeG) remarcou que é "moi difícil" atopar uns orzamentos "nos que non se acepte nada" das propostas dos grupos, mostra de que o presidido por Alfonso Rueda é "un goberno que non escoita". Así mesmo, Armando Ojea (Democracia Ourensana) empregará a súa estrea na sesión de control ao presidente (en detrimento do PSdeG) para afear a Rueda a "discriminación" da provincia de Ourense nas contas de 2025.

ESTREA DE ARMANDO OJEA NUNHA SESIÓN DE CONTROL

Precisamente, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, estrearase na sesión de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no último pleno do ano, que debaterá a aprobación definitiva da nova lei de estatística de Galicia. A actividade plenaria na Cámara autonómica despedirá 2024 os días 17 e 18 de decembro cunha dobre sesión que se iniciará co pleno extraordinario sobre os orzamentos da Xunta para 2025 e a lei de acompañamento. A continuación, terá lugar a sesión ordinaria, cuxo orde do día quedou configurado na reunión da xunta de portavoces celebrada na mañá deste mércores, tras a cal, compareceron ante os medios os deputados Alberto Pazos Couñago (PP), Olalla Rodil (BNG), Elena Espinosa (PSdeG) e Armando Ojea (DO). 

A portavoz do Bloque, Ana Pontón, usará o seu último careo do ano con Rueda para pór o foco sobre o proxecto de Altri na comarca da Ulloa días despois da manifestación en contra da iniciativa industrial que se vivirá este domingo en Santiago. Será nun pleno sen comparecencia de membros do Goberno galego (o BNG pediu que o fixese a conselleira de Política Social, Fabiola García, sobre a renuncia a fondos europeos para construír novas gardarías) e no que sairá adiante o novo marco normativo para o Instituto Galego de Estatítisca (IGE), que superará ao actual vixente desde hai case 40 anos.

PROPOSTAS DO PP

Segundo relatou Pazos Couñago, o PP levará ao pleno dúas iniciativas de impulso coas que solicitará o apoio do Lexislativo galego a solicitar ao Goberno un plan de mellora da estrada nacional entre Pontevedra e Ourense e que active xa en 2025 as bonificacións a empresas que colaboren con patrocinios á organización do Xacobeo 2027. Ademais, preguntará á Xunta sobre a "caótica" situación que atravesa a planta de Alcoa en San Cibrao (Cervo), as xestións sobre o proxecto para conectar Galicia co norte de Portugal por liña de alta velocidade ferroviaria e as medidas de apoios aos autónomos.

BNG: RESIDENCIAS E VIVENDA

Pola súa banda, o BNG abordará á conselleira de Política Social sobre o modelo de residencias de maiores que procede do pleno anterior. Ademais, demandará a través das proposicións non de lei un incremento dos apoios económicos ás familias que acollen menores con medidas de protección e un plan de acceso á vivenda para favorecer a emancipación de menores de 36 anos.

PSDEG: EUTANASIA E MEMORIA DEMOCRÁTICA

Por último, os socialistas tamén interpelarán a Fabiola García sobre a situación das residencias de maiores na Comunidade galega e preguntarán ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sobre os "atrasos" na resposta a solicitudes de eutanasia en Galicia. Así mesmo, reclamarán por vía de iniciativas de impulso que se blinde o bono social térmico e a creación do Consello de Memoria Democrática de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta