Redes sociais en Galicia: Instagram desbanca a Facebook en 2024

Importante baixada da rede X (antiga Twitter), da que xa saíron destacados usuarios, medios de comunicación e a Universidade de Santiago, aínda que, polo momento, ningún partido de esquerdas ou nacionalista deu este paso.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Instagram desbanca a Facebook como rede social (RRSS) máis popular en Galicia. Pasa dun 31,9% de usuarios ao 33,2% nun ano, mentres que a rede de Zuckerberg baixa case catro puntos, do 33,8% ao 30,1% entre 2023 e 2024. Unha situación que tamén se repite no conxunto do Estado e en  Europa, onde Instagram e TikTok son as redes máis usadas polas novas xeracións.

Redes sociais
Redes sociais | Fonte: Arquivo

De feito, no caso galego TikTok experimenta unha forte suba, ao pasar dun 15,4% a un 17%. Pola contra, caen Youtube, dun 26,5% a un 23,5%  e a rede X (antiga Twitter), do 12% ao 10,9%. De feito, esta rede social, agora propiedade do magnate Elon Musck, agora aliado político do populista Donald Trump, está a sufrir unha forte perda de usuarios nos últimos meses debido, principalmente, ás graves desinformacións que circulan nesta rede.

Medios como The Guardian, La Vanguardia ou Galicia Confidencial, ou entidades como a Universidade de Santiago de Compostela, decidiron abandonar esta plataforma por este motivo. Con todo, partidos da esquerda e nacionalistas, moi críticos cos populismos e a ultradereita, seguen utilizando esta rede como medio habitual nas súas mensaxes políticas.

Outras redes que se manteñen en Galicia, aínda que moi lonxe das anteriores, son Pinterest e Twitch con 3,2% e 2,6%% de usuarios, mentres que Likdedin sobe ao 3,8% e Sanpchat baixa do 1,2% ao 0,4%.

Son cifras recollidas no informe rexional desenvolvido por AVANT baseado nos datos da 3ª onda do Estudo Xeral de Medios (EGM) 2024 no que se recolle que Internet volve situarse como terceiro medio máis consumido. A TV Online segue dominando entre os medios dixitais e crece en penetración (64%). A continuación, sitúanse os sites de contidos (50%), as Redes Sociais (49,8%) e o Audio Online (42,2%). Este último medio dixital é o que máis crece, incrementa a súa audiencia en máis dun 8,2%.

ESPAÑA

No caso de España, a taxa de penetración de Internet sitúase no 96% nos primeiros meses de 2024, o que supón que 1,92 millóns de persoas non utilizan a rede de redes, segundo o Informe Digital New Report 2024.Outra das principais conclusións é que, a diferenza de 2023, o tempo que pasamos en Internet subiu un 1%, até 6 horas 40 minutos ao día.

 

En xeral, as redes sociais seguen sendo o pasatempo máis popular, xa que máis do 97% dos usuarios de Internet en idade laboral acceden a redes sociais ou plataformas de mensaxería cada mes. Os motores de procura sitúanse a continuación, sendo usados por 4 de cada 5 enquisados. En canto ás noticias, sitúanse no décimo posto. 

 

En España, no principio do ano, 35,30 millóns de usuarios maiores de 18 anos utilizan as redes (o 89,1% da poboación total). O 87,1% da base total de usuarios de Internet en España utilizou polo menos unha plataforma de redes sociais en xaneiro de 2024. Do mesmo xeito que ocorre con internet, tamén aumentou o tempo que pasamos usando as RRSS, cunha media de 2 horas e 23 minutos por día. Os españois situámonos por baixo, con 1 hora 54 minutos. Sudáfrica e Brasil están de novo os primeiros no ranking, que lidera Kenia, con 3 horas e 43 minutos. 

 

FORTE INCREMENTO DE TIKTOK E INSTAGRAM

 

Os motivos que esgrimen os enquisados á hora de utilizar as redes encabézaos o manterse en contacto con familiares e amigos (49,5%), seguido de ocupar o tempo libre (38,5%). Isto explica, segundo os autores, o auxe de plataformas como TikTok, que continúa o seu rápido ascenso, cun espectacular incremento de case o 50% no número de usuarios respecto de 2023. O alcance da plataforma chinesa e o tempo media por usuario experimentaron tamén grandes crecementos. Con 34 horas ao mes (máis dunha hora ao día), TikTok ocupa o primeiro lugar no ranking de maior tempo medio de uso en 2023. 

 

Mentres tanto, Instagram, aínda que non é a plataforma social na que máis tempo invisten os usuarios, é a "favorita" do mundo (cunha cota de mercado do 16,5%), desprazando no primeiro posto a WhatsApp. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Tanto Facebook coma Instrgram pertencen ao conglomerado META e polo tanto están na man de Mark Zuckerberg (o maior vendedor de datos privados do mundo!) Recolle tódolos datos privados e fai o que lle peta con eles, e todo o mundo parece encantado de regalar a súa privacidade ao "xudeo" de Harvard ! Sobre a permanencia dos políticos de esquerdas na Rede X podemos dicir que "polo pan baila o can" o que sí temos que agradecer ao "facha" de Elon Musk é que agora aínda que esteas bloqueado por calquera político poderás ler os seus post (aínda que non poderás interactuar con eles) Todo un avance democrático que seguramente non lles vai facer gracia aos sectarios que bloquean disidentes ! As estatisticas non recollen a importante suba da Rede Cabozo en Galicia (100%) pasou de ter 1 seguidor a ter 2 seguidores ! Bo Nadal !