Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/12/2024 | Actualizada ás 10:52
Xa está todo listo para que o público poida escoitar Lova, o primeiro sinxelo do novo traballo discográfico de A banda da Loba (ABDL) que levará por título Lovismo. O tema estará dispoñible nas principais plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do venres 13 de decembro pero o seu videoclip, dirixido, realizado e editado por Álvaro L. Barreiro, poderase visionar antes na canle de YouTube da banda desde ás 21.00 horas deste xoves 12. A emisión do vídeo estará precedida dunha conversa na propia canle que contará coa participación das integrantes da banda e de Álvaro L. Barreiro.
O amor e as súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso...― serán o leitmotiv de Lovismo, un disco onde confluirán diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindicando a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes de ABDL.
Lovismo, o quinto disco de ABDL, será publicado a comezos do 2025 pero xa hai data para o seu concerto de presentación: o 1 de febreiro do 2025 na Sala Capitol de Santiago. As entradas para esta cita estarán á venda a partir do luns 16 de decembro na web salacapitol.com e fisicamente na tenda Trisquel Artesanía da cidade picheleira.
ABDL
A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. A comezos do 2025 volverán aos escenarios co seu quinto álbum de estudio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.