Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2024 | Actualizada ás 17:12
O Consello da Xunta deu conta na súa reunión deste luns da declaración dun novo proxecto industrial estratéxico en Galicia: unha terminal de almacenamento de betún asfáltico no porto de Vilagarcía de Arousa.
A iniciativa está impulsada pola empresa Betunes Gallegos, S.L.U., do grupo Gunvor, e a súa posta en marcha suporá a creación de 32 postos de traballo directos e 13 indirectos, mentres que o investimento superará os 21 millóns de euros.
Con esta son 12 as iniciativas declaradas estratéxicas polo Goberno galego, que suman unha mobilización global de 2.359,58 millóns de euros e 4.187 empregos. O proxecto suporá a posta en marcha dun complexo formado por dúas plantas cuxa capacidade de almacenamento alcanzará os 43.000 metros cúbicos de betún e suporá unha ocupación de 6.782,10 metros cadrados.
Concretamente, a primeira das naves estará localizada na parcela que ocupou antigamente a empresa Foresa. Nela levantaranse unha estación e carga de camións, tanques de almacenamento, tubaxe para a importación e exportación do produto ata a terminal, unha estación de bombeo, ademais das instalacións necesarias para o quecemento dos tanques e tubaxes e edificacións de uso administrativo.
A outra área localízase onde se situou no seu día a empresa Nynas, dedicada tamén ao almacenamento de betún. Betunes Gallegos previu aproveitar a instalación existentes (incluídos os depósitos, peiraos de carga, oficinas e elementos auxiliares) para acometer obras de mellora e modernización.
EMPRENDIMENTO INNOVADOR
Por outra banda, o Consello da Xunta autorizou tamén este luns a firma de dous novos convenios de colaboración que garantirán a continuidade das aceleradoras Business Factory Food (BFFood) e Business Factory Aero (BFAero), co obxectivo de consolidar empresas de nova creación nos sectores estratéxicos da alimentación e da aeronáutica.
O proxecto contará cun orzamento global de preto de 15 millóns de euros, que se distribuirán a partes case iguais entre ambas as aceleradoras. A través destas iniciativas, prevese o impulso de máis de 120 proxectos innovadores nas fases de incubación, aceleración e consolidación durante o período comprendido entre os anos 2025 e 2027.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.