Unha muller ameazada pola súa exparella asegura que o home a agrediu antes de deixalo: "Díxome que me quedaba pouco"

Piden máis de 15 anos de prisión para o home que supostamente a acosou durante meses.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 18/12/2024 | Actualizada ás 14:35

Comparte esta noticia

O xulgado do Penal 1 de Vigo acolleu este mércores un xuízo contra un home acusado de varios delitos de acoso e ameazas, entre outros, que, durante varios meses, ameazou de forma sistemática e continuada á súa exparella, á que enviaba mensaxes e perseguía, a pesar de ter en vigor medidas de afastamento. Durante a vista, a suposta vítima asegurou que o home a agrediu, confiscoulle o móbil e encerrouna varias veces no seu cuarto antes e despois de deixalo. Ademais, explicou que unha vez terminou a relación, continuaron compartindo vivenda xa que o acusado dicíalle que "non tiña onde ir" e quedou varios meses no seu piso.

Non foi ata máis de seis meses despois cando o home abandonou a vivenda tras unha discusión que acabou cunha agresión e coa intervención da Policía, segundo relatou a muller. A pesar de todo, nese momento non o denunciou "por medo" e porque el lle dicía que unha denuncia "lle arruinaría a vida (a el)". A partir de aí, sempre segundo as palabras da muller, o acusado empezaría a acosala a través de decenas de chamadas, de mensaxes de WhatsApp, Telegram e de correos electrónicos. Ademais, acudiría a casa dos seus pais, onde ela se mudara, e timbraba a diario.

Tamén aparecería en varios lugares que ela frecuentaba, chegando incluso un día a falarlle desde un número de teléfono dicindo que era un amigo e aseguráballe que o acusado tentara suicidarse. Tras case un mes, decidiu interpor denuncia. Entre outras cousas, recibiu varias solicitudes de amizade en Instagram que deduce que era el e considera que o home entrou varias veces en distintas contas dela como de correo ou mesmo nunha aplicación que utilizaba para coñecer as súas quendas laborais.

"A cousa cada día ía a máis, a máis, a máis", lamentou a muller, indicando que saía de casa sempre acompañada coa súa familia ou amigos, que mesmo ían buscala ao traballo. Así mesmo, relatou varios incidentes nos que o home a perseguía en coche. "Pedinlle que parase e pregunteille que que tiña que facer para que parase e díxome que quedar con el", apostilou, indicando que en varias ocasións falou con el estando presente un axente da Policía que a custodiaba durante a orde de afastamento que lle foi concedida.

"Díxome que me quedaba pouco e díxenlle que xa non lle tiña medo", apuntou a muller, que indicou que, tras varios meses en prisión, unha vez saíu, o home volveu acosala con decenas de chamadas. Preguntada sobre se esta situación lle provocara algún cambio na súa vida, ela indicou que ademais do "medo", considera que ten "unha hipoteca" para sempre por se llo atopa e que na actualidade está sometida a un tratamento de antidepresivos. Pola súa banda, o acusado acolleuse ao seu dereito a non declarar. Por todo iso, a Fiscalía pide para el penas que suman 15 anos e 3 meses de cárcere, ademais da prohibición de achegarse e comunicarse coa vítima durante case 40 anos.

FEITOS

Segundo o escrito de acusación pública, os feitos iniciáronse en xuño de 2022, cando a muller decidiu romper a relación tras un episodio violento no que tivo unha discusión coa súa entón parella e el impediulle saír do domicilio no que convivían. Desde o momento en que ela quixo pór fin á relación comezou un acoso sistemático por parte do acusado, que lle enviaba mensaxes, chamábaa de forma insistente desde o seu teléfono ou desde outros, e escribíalle correos electrónicos. Ademais, o acusado timbraba case a diario na casa dos pais dela e perseguíaa nos seus desprazamentos. En agosto de 2022 impúxoselle unha medida cautelar de afastamento, que el incumpriu de forma reiterada, e seguiu facendo chamadas e enviando mensaxes con ton ameazante, escribíndolle frases como "todo chega", ou "tic tac". Cara a finais de ano, o procesado logrou entrar na aplicación de persoal do centro sanitario no que ela traballa e cambiou a foto da súa identificación por unha fotografía íntima dela que obtivera cando eran parella.

COMIDA A DOMICILIO E SERVIZOS QUE ELA NON PEDIRA

Así mesmo, tentou entrar nas súas contas de redes sociais, e no seu correo electrónico e chegou a modificar a súa dirección de mail na empresa de telefonía da que ela era clienta, de maneira que a correspondencia chegáballe a el directamente, e así puido acceder a información como o rexistro de chamadas ou as facturas. O acusado utilizou tamén os datos da vítima para que empresas como aseguradoras e financeiras contactasen con ela por servizos que ela non solicitara, como créditos; pedía comida a domicilio que ela non pedira; e mesmo chegou a perseguir o coche da vítima, cando era conducido por unha amiga, ata o municipio de Fornelos de Montes.

De feito, a muller e esta amiga atopárono cando foron a Comisaría a denunciar estes feitos, a pesar da orde de afastamento, o que motivou a detención do acusado e o seu ingreso en prisión provisional en novembro de 2022. En xuño, o home saíu en liberdade, cunha orde de afastamento e coa implantación dun dispositivo telemático para que cumprise esa medida. Non entanto, e con total "desprezo" polos requirimentos da autoridade xudicial, continuou quebrantando a medida de afastamento e a prohibición de comunicarse coa súa exparella. Así, continuaron as chamadas e mensaxes ameazantes, ata que foi novamente detido en xullo de 2023 e ingresado en prisión, onde permanece.

ANTECEDENTES DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Ao longo de máis dun ano de acoso e fustrigación (fóra dos períodos que pasou en prisión provisional), a vítima tivo que abandonar o seu domicilio e mudarse a casa dos seus pais, despois de 12 anos vivindo de forma independente. Así mesmo, tivo que cambiar de número de teléfono en máis de catro ocasións, os seus pais tiñan que levala ao traballo e tiña que saír acompañada de amigos a todas partes. Estes feitos provocáronlle unha situación de ansiedade que desembocou nunha baixa laboral. Ademais, dáse a circunstancia de que o acusado ten antecedentes por lesións no ámbito da violencia de xénero e por quebrantamento de medidas.

A Fiscalía considérao autor de dous delitos de acoso, un deles continuado, en concurso cun delito de quebrantamento de medida cautelar; un delito continuado de ameazas; un delito de lesións; dous delitos de descubrimento de segredos; e un delito contra a seguridade viaria (xa que a primeira vez que foi detido por estes feitos, estaba a conducir a pesar de ter o carné retirado por perda total de puntos). Tamén reclama que se apliquen as agravantes de reincidencia e de xénero, xa que actuou co ánimo de "desprezar a decisión" da vítima de romper a relación, e "demostrar o seu dominio e superioridade sobre a prexudicada". Así, solicita para el penas que suman 15 anos e 3 meses de cárcere, prohibición de achegarse ou comunicarse coa súa expareja durante case 40 anos, prohibición de portar armas durante 2 anos, e multa de 5.400 euros. Igualmente, pide que indemnice á vítima en 12.000 euros.

Edificio dos xulgados de Vigo
Edificio dos xulgados de Vigo | Fonte: MIGUEL RIOPA - COLEXIO DE PROCURADORES DE VIGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta