Alerta!, como recoñecer as 'mulas' de diñeiro fraudulento... están preto de ti

A Garda Civil detiña na Coruña un grupo criminal cuxa actividade era a de captar 'mulas de diñeiro' ou 'mulas económicas'. Estas 'mulas' son persoas intermedias que abren contas onde un terceiro deposita diñeiro ilícito e a 'mula' reenvía eses cartos a outra conta. É unha maneira de “lavado de diñeiro” procedente de actividades ilegais

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Un axente da Garda Civil de costas en imaxe de arquivo
Un axente da Garda Civil de costas en imaxe de arquivo | Fonte: GARDA CIVIL - Arquivo


'MULAS'

O habitual é relacionar o termo 'mula' a un contexto ilegal relacionado co narcotráfico. Aínda así, o traslado de calquera elemento procedente dun ilícito supón unha carretaxe e para iso están as 'mulas'. A 'mula de diñeiro' é unha persoa que participa directamente dun delito de branqueo de diñeiro. “Non debemos confundir cun testaferro, este é alguén que realiza actividades moito máis profundas como mercar inmobles, vehículos, etc.”, apunta Alberto González do Equipo de Ciberdelincuencia da Garda Civil na Coruña.

A 'mula de diñeiro' ou 'mula económica' presta a súa identidade para abrir unha conta nunha entidade bancaria e faino acompañada da persoa que a captou. Desta maneira, unha vez que a conta está aberta, a persoa que captou a 'mula' fai unha fotografía ou un vídeo cos datos da conta (número e claves) para que sexa manexada pola persoa captadora.

Feito isto, cada vez que entre diñeiro desde outra conta ou se faga un ingreso en efectivo, enviaranse eses cartos a outra conta (mesmo pode ser no estranxeiro). “Dese diñeiro que lle ingresan, a 'mula' pode extraer a comisión que acordou con que a captou” di Alberto González. Por cada conta aberta poden recibir entre 50 ou 100 euros, poden abrir varias contas polas que reciben a súa “compensación”.

Infografía sobre actuación das 'mulas de diñeiro'
Infografía sobre actuación das 'mulas de diñeiro'

Hai tres categorías de 'mulas': a persoa que non é consciente de estar participando dun delito de branqueamento ou lavado de diñeiro, a 'mula dolosa', a que si é consciente cando cede os seus datos e a 'mula' que participa activamente no branqueo.

MULING
Postos en contacto con entidades bancarias estas remitíronnos ás súas webs onde se define o 'muling' e as maneiras de evitar caermos nunha estafa como esta. E unha das vías para captar 'mulas' é a de publicitar ofertas de traballo que prometen diñeiro rápido: “debemos calibrar ben se estamos diante dunha situación comprometida e relacionada cun posible delito de branqueo de capitais ou lavado de diñeiro” resalta a web do Banco Santander.

A raíz destas estafas a Europol xunto con Eurojust, a European Banking Federation (EBF), Fiscalía Xeral do Estado e as Fozas e Corpos de Seguridade emiten a EMMA (European Money Mule Action). O obxectivo é a protección da cidadanía fronte aos delitos relacionados co 'muling' ou captación e uso de 'mulas' por parte de organizacións criminais que branquean diñeiro grazas a estas persoas, tal como indica o BBVA cando nos redirixiu tamén á súa web.

Os círculos onde se poden captar persoas para este tipo de ilícitos son peroas recén chegadas a un país, persoas en situación de pobreza, adictos a substancias, persoas que dalgunha maneira queren diñeiro “extra” ou, como xa se dixo, xente enganada e estafada polos captadores. “É necesario desconfiar daquelas ofertas de emprego ou webs que nos pidan directamente os nosos datos bancarios” di Alberto González.

Que facer? Se ingresan na nosa conta un diñeiro que non solicitamos, pedir ao banco que o devolva e avisar á entidade das nosas sospeitas. Denunciar á Policía ou á Garda Civil ante a sospeita de estarmos sendo utilizados como 'mulas'. Non aceptar ofertas de traballo sospeitosas e nunca dar os nosos datos.

Quen está detrás? Organizacións criminais que acabarán recibindo diñeiro procedente destas estafas ou diñeiro lavado a través destas prácticas. En Galicia tense detectado que moitas das estafas que implican 'mulas de diñeiro' proceden do Brasil.

As redes de delincuencia especializadas en fraudes e lavado de diñeiro aproveitarán todas as circunstancias posibles para captar 'mulas de diñeiro'. O caso acontecido en Galicia tiña ramificacións noutros lugares do Estado e en total o diñeiro estafado superaba os 60.000 euros. Por tanto, deben fortalecerse as medidas de seguridade fronte este tipo de delitos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta