Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/12/2024 | Actualizada ás 09:30
Unha banda de paxaros que fan música vai camiño de ser a protagonista dun dos fenómenos culturais deste 2024 que remata en Galicia. É Bibopalula, a primeira serie musical de animación en lingua galega, estreada o pasado 29 de novembro, e que xa conta por milleiros os seus fans, espectadores da serie en Xabarin.gal, e tamén seguidores en redes sociais e usuarios das principais plataformas de audio, onde se poden escoitar as cancións de todos os capítulos.
A serie conta con cincuenta e cinco episodios na súa primeira temporada, dos que corenta xa poden verse na plataforma de contidos infantís de entretemento da televisión de Galicia. Son pezas breves, de cinco minutos, dirixidos pola ilustradora e animadora Laura Mahía, que tamén pon voz a Robin, o paporrubio que lidera a Banda do Bosque.
Melania Cruz, Marita Martínez, Iria Lamas e Marta Lado completan o elenco de actrices e actores no proxecto, ao que tamén se suma Xosé A. Touriñán nalgúns capítulos. Bibopalula quere achegar á cativada todo o universo da natureza, e facelo aproveitando todas as oportunidades que ofrece a música -cada capítulo remata co videoclip dunha canción orixinal, composta por Santi Jul e Iván Laxe-.
CAMPAÑA DE PROMOCIÓN INÉDITA
Desde o lanzamento da serie a finais de novembro moi poucos foron alleos ao fenómeno que está sendo Bibopalula: Robin, Carpin, Merli e Pegui ocupan grandes lonas no centro de Vigo e A Coruña, así como mupis ou bandeirolas nas farolas dos parques infantís en diferentes puntos de Galicia. Fálase da Banda do Bosque nas radios, hai valados nas estradas, e os anuncios da serie mesmo foron vistos nos videomarcadores de Riazor e Balaídos.
A produtora cifra en 70.000 € o investimento na promoción da serie que, seguindo a tendencia dos grandes produtos de entretemento infantil a nivel internacional, aspira a que os capítulos en Xabarin.gal sexan só o comezo de moitas outras cousas. Desde esta semana é posible mercar o primeiro conto infantil, suadoiros ou camisolas da serie a través de www.bibopalula.gal, e durante todo o mes de decembro decenas de influencers recibiron unha frauta de madeira coa que axudaron a promocionar o proxecto nas redes sociais.
UNHA PANXOLIÑA PARA CELEBRAR O NADAL
E no medio de todas as accións promocionais, unha panxoliña. A marca Deleite escolleu aos paxaros de Bibopalula para o seu xa tradicional videoclip, publicado o día de Nadal, e que xa acumula milleiros de reproducións nas redes sociais. Un tema orixinal no que a Banda do Bosque asegura que "ninguén canta mal cando chega o Nadal", acompañada de todos os personaxes da serie, e dunha vaca que se suma para unha celebración moi especial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.