Por Galicia Confidencial | Allariz | 31/12/2024 | Actualizada ás 18:00
O xurado, composto por expertos en paisaxismo, enxeñería agraria, urbanismo e representantes do Concello de Allariz, avaliou un total de 32 propostas chegadas desde diferentes países e rexións, reflectindo, un ano máis, o carácter internacional do evento.
A alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, agradeceu o traballo do xurado e salientou a relevancia do festival. “Este evento é moito máis que un conxunto de xardíns: é unha ferramenta para promover a sostibilidade, a dinamización económica e a mellora da calidade de vida no noso concello. A temática deste ano axúdanos a reflexionar sobre como os xardíns poden ser un espazo de innovación e oportunidade fronte ao cambio climático”, explicou.
Francisco García, director do festival, destacou que o certame segue consolidándose como unha plataforma de referencia para deseñadores emerxentes e profesionais do paisaxismo. “O festival ofrece a oportunidade de mostrar o talento e a creatividade de paisaxistas de todo o mundo, mantendo o foco na sostibilidade e no impacto social dos espazos verdes”, afirmou.
PROPOSTAS A CONCURSO
As 32 propostas recibidas para a XV edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz proviñan de diferentes partes do mundo, reflectindo o carácter internacional e a diversidade deste evento. As orixes das propostas inclúen países como Ecuador, Austria, Italia, Alemaña, México, Bolivia, Chile, Costa Rica, Arxentina, Uruguai, Colombia e Estados Unidos de América, entre outros.
No ámbito estatal, as propostas chegadas desde distintas localidades do Estado tamén destacaron: Madrid, Sevilla, Ourense, Valencia, Palencia, Ávila e Segovia, Colunga (Asturias), A Coruña, Cidade Real e Gran Canaria.
Esta ampla diversidade xeográfica pon de manifesto a gran acollida internacional que ten o festival, que se afianza como un referente no ámbito do paisaxismo e a sostibilidade.
OS NOVE XARDÍNS ESCOLLIDOS
-"La jaula de los locos" (Austria).
-"Se chove que chova" (Madrid).
-"Renacer das cinzas" (Madrid).
-"El jardín como refugio" (Madrid).
."Caminos de esperanza" (México e Bolivia).
-Revolución verde" (Valencia).
"Buffer" (Uruguay).
-"O xardín de Casandra, profecía silenciada" (Ourense).
-"El renacer de la vida" (Gran Canaria).
SUPLENTES: "Novo xardín de carbono" (EE.UU.), "Jardín merecido" (Arxentina) e "Jardín rocallas" (Ecuador).
Aos anteriores sumaranse no espazo expositivo, como é tradición, o xardín gañador do público da pasada edición, “O xardín ao revés”; o xardín creado polos centros educativos de Allariz e o xardín recoñecido co premio técnico pola Asociación Española de Paisajistas (AEP), titulado “Entra nunha obra de arte”.
Referíndose ao proceso de selección, Francisco Caldeira Cabral, presidente do xurado, eloxiou a calidade das propostas presentadas este ano. “Foi un proceso de deliberación enriquecedor e con debates que puxeron de manifesto a importancia de integrar a creatividade coa funcionalidade e os retos ambientais”, sinalou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.