Por GC Tendencias | Vigo | 01/03/2016 | Actualizada ás 09:00
Afundación presenta o seu curso de cociña italiana, «La cucina italiana», que se desenvolverá os xoves 3, 10, 17 e 31 de marzo, desde as 17.00 ata as 19.00 h, na sede da entidade en Vigo (Policarpo Sanz, 26). Ademais, os sábados deste mesmo mes, os días 5, 12, 19, e mais o 2 de abril, en horario de 11.00 a 13.00 h, impartirase o curso «Cocina & Family», deseñado para nenas e nenos con idades entre os 7 e os 14 anos. As inscricións poden realizarse a través de www.ataquilla.com.
«La cucina italiana», impartido por Monse Alonso, pretende achegar os participantes ao mundo da arte culinaria italiana partindo dos coñecementos tradicionais e con vocación anovadora. O programa estruturarase en catro sesións de dúas horas cada unha e os pratos que se tratarán serán polo en salsa de mazá e xamón, pementos ao forno con olivas e alcaparras, patacas recheas de carne, boletus e provola, tiramisú, pizza fritida napolitana, torta de nutella e mascarpone, pastel de macarróns e alcachofas, e muffins de cenorias e améndoas.
Pola súa banda, «Cocina & Family», tamén impartido por Monse Alonso, estará estruturado en catro clases de dúas horas cada unha nas que se elaborarán hamburguesas ao forno, roliños de tortilla de mar, pastel vexetal, espaguetes con froitos secos, como pratos principais, e as súas respectivas sobremesas, flan de queixo, torta de banana, limóns recheos e queixiño chocolatado. Para este curso requírese o acompañamento dunha persoa adulta, titora xa que un dos obxectivos do obradoiro é o fomento da cociña familiar, animando tanto ás nenas e nenos como aos maiores a estimular a curiosidade natural, mediante un método didáctico e divertido.
Os vindeiros obradoiros terán lugar nos meses de abril e maio. Os programas de alimentación saudable deseñados pola entidade inclúen un total de 24 obradoiros nos que se ofrecen 287 prazas que se programarán en toda a comunidade ao longo do curso 2015-2016.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.