A CIG pide implantar xa a xornada de 35 horas semanais

A central nacionalista asegura que "o obxectivo é ir camiñando cara á xornada semanal de catro días", con 32 horas á semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 02/01/2025 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) considera "insuficientes" as medidas que recolle o aínda borrador de anteproxecto de lei para reducir a xornada laboral a 37,5 horas semanais a finais de 2025. Así, avoga por implantar xa as 35 horas "co obxectivo de ir camiñando cara á xornada semanal de catro días", con 32 horas á semana. Esta é a principal proposta que fai a central nacionalista galega a este texto legal que remitiu o Ministerio de Traballo e Economía Social o pasado 20 de decembro, tras alcanzar un acordo con CCOO e UGT.

Nun comunicado, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, confirma que o seu sindicato presentou unha serie de propostas ao anteproxecto para avanzar "dunha vez por todas en dereitos laborais reais e xerar máis riqueza social", non sen manifestar as súas queixas por térselles "excluído" da negociación. En canto á xornada laboral, defende as 32 horas semanais para "xerar emprego e avanzar en dereitos como a conciliación da vida laboral e familiar". Xunto a iso, a CIG propón outras medidas para contrarrestar "o abuso" dos contratos a tempo parcial: limitalos ao 15 por cento do persoal, aumentar o seu soldo, garantir "xornadas mínimas fixas de 20 horas" en horario continuado e condicionar a realización de horas complementarias.

REXISTRO HORARIO E DESCONEXIÓN DIXITAL

Outra das achegas feitas pola central nacionalista ten que ver coa dotación dun sistema de rexistro dixital da xornada "para que sexa transparente e eficaz", de maneira que "permita contabilizar as horas extraordinarias con garantías" e garantir "a súa compensación en descanso ou retribución". Así mesmo, a CIG insta a establecer mecanismos para que predominen as mellores condicións en materia de xornada que estean contempladas nos convenios sectoriais fronte aos de empresa. Entre outras propostas, a central tamén pide unha regulación para o teletraballo que "reforce os dereitos de desconexión dixital e intimidade".

Paulo Carril (CIG)
Paulo Carril (CIG) | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta