A Xunta insiste en abordar o financiamento autonómico no CPFF: "Unha condonación só baixa o contador para volver comezar"

A finais de ano, o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, enviou unha carta á ministra de Facenda, María Jesús Montero, para "lembrarlle cales son as prioridades" de Galicia, entre elas a inclusión no CPFF dun punto concreto para tratar a revisión do sistema de financiamento autonómico.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2025 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, volveu a reclamar que a "prioridade" do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) debe ser abordar o financiamento autonómico. "Non se pode empezar a casa polo tellado", afirma, con "unha condonación de débeda sen arranxar a orixe dese endebedamento excesivo: que é un déficit de financiamento".

O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, ofrece declaracións aos medios durante a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF)
O conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos, ofrece declaracións aos medios durante a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) | Fonte: Carlos Luján - Arquivo

A preguntas da prensa este venres, Corgos incidiu en demandar "un debate sosegado entre todas as comunidades no seo do CPFF" sobre financiamento autonómico, xa que "o demais é enredar". Sostén que está "ben clara" a postura de "todas" as comunidades, polo que "o único que falta é unha proposta do Ministerio de Facenda" e que "se poña enriba da mesa canto diñeiro habería adicional para financiar esa reforma do sistema de financiamento".

E é que Corgos advirte de que unha condonación "o único que fai é baixar o contador para volver comezar". "Non queremos iso", apostila. Remarca que Galicia reclama 500 millóns de financiamento. Preguntado sobre se a Xunta rexeitaría no CPFF unha condonación de débeda, Corgos volveu a pedir que: "Debátase en primeiro lugar o que nos interesa". "O que non queremos é que nos fixen os demais a nosa axenda que indica que a nosa prioridade é o sistema de financiamento; e cando toque falar da débeda, falaremos da débeda".

"Que nos solucionen o noso problema, que é a suficiencia no financiamento e o recoñecemento dos factores de custo específico que ten Galicia para prestar os seus servizos públicos fundamentais, en detalle, a dispersión da poboación e o envellecemento", conclúe. A finais de ano, o conselleiro enviou unha carta á ministra de Facenda, María Jesús Montero, para "lembrarlle cales son as prioridades" de Galicia, entre elas a inclusión no CPFF dun punto concreto para tratar a revisión do sistema de financiamento autonómico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta