Condenada por atentar contra a integridade moral dun neno con discapacidade

A traballadora, que obrigaba o menor a comer pola forza, deberá pagar unha indemnización de 3.000 euros á familia e non poderá exercer en centros educativos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/01/2025 | Actualizada ás 13:54

Comparte esta noticia

Audiencia Provincial de Ourense confirmou unha condena dun ano de cárcere para unha coidadora dun centro educativo da cidade por un delito contra a integridade moral dun neno de tres anos con discapacidade. A traballadora, que tamén foi inhabilitada durante dous anos para exercer calquera labor relacionado con menores, deberá indemnizar á familia do menor con 3.000 euros de forma subsidiaria coa Xunta de Galicia.

Audiencia Provincial de Ourense / Europa Press - Arquivo / Europa Press
Audiencia Provincial de Ourense / Europa Press - Arquivo / Europa Press

Os feitos, que aconteceron entre setembro e novembro de 2019, foron cualificados como reiterados actos de violencia psicolóxica e física contra o menor durante o tempo que pasaba no comedor do centro. Segundo a sentenza, a coidadora inmobilizaba o neno contra a súa vontade, forzándoo a comer e facéndoo en presenza doutros menores e monitores. Durante os episodios, suxeitaba o pequeno con forza e empregaba frases como "vas tragar o prato" ou "a min non me pegas", causando un importante menoscabo na saúde emocional do menor.

A sentenza detalla que o comportamento da coidadora afectou negativamente ao neno, provocando un retroceso no seu desenvolvemento e un cambio na súa actitude, segundo observaron os profesionais do centro de terapia ao que acudía regularmente. O episodio que levou á denuncia foi presenciado por membros da ANPA, que trasladaron os feitos á dirección do centro educativo.

O caso chegou aos tribunais en maio de 2023. Nun primeiro xuízo, o Xulgado do Penal de Ourense absolvera a coidadora ao considerar os feitos como "mala praxe". Porén, a Audiencia Provincial ordenou repetir o xuízo ao detectar graves defectos no fallo inicial. O novo veredicto, que aínda non é firme, ratificou a condena por atentar contra a dignidade e integridade moral do menor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta