Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2025 | Actualizada ás 13:55
O Partido Socialista de Galicia levará o vindeiro sábado, día 11 de xaneiro, a Ourense os seus 'Diálogos con Raíz', unha xornada que se centrará nas políticas de benestar e na que se prevé que participe o catedrático de Medicina Legal e investigador Ángel Carracedo, así como o secretario de Estado de Sanidade, Javier Padilla (Más Madrid), entre outros.
O portavoz da Executiva do PSdeG, Xulio Torrado, presentou este luns en Santiago de Compostela as xornadas coas que a formación afronta a preparación do seu relatorio, un documento que abre á participación da sociedade para posteriormente sometelo á militancia no XV Congreso que terá lugar os días 8 e 9 de marzo.
Torrado explicou que os socialistas pecharán este mes o seu ciclo de conferencias con catro encontros. Así, ademais do que celebrarán este sábado en Ourense, os socialistas preparan un evento na Coruña para falar sobre ciencia, investigación e tecnoloxía; outro sobre o sector primario que terá lugar o día 25 en Lugo; e, por último, unha cita dedicada ás infraestruturas que terá lugar o 1 de febreiro en Monforte.
En concreto, este sábado os socialistas abordarán a sanidade e o conxunto das políticas sociais nun contexto no que consideran que "hai moitas dificultades" para que os dereitos cheguen a moitas das realidades de Galicia. Deste xeito, asegurou que "hai innumerables exemplos" destas dificultades en cuestións como a accesibilidade ao sistema sanitario, tanto en Atención Primaria como na Saúde Mental, así como no acceso de dereitos como a eutanasia.
A iso, engadiu que en Galicia son as administracións locais as que exercen as políticas sociais ante unha Xunta da que o último que se coñece é que colectivos do ámbito esixiron a dimisión da conselleira Fabiola García.
"A GALICIA REAL NON ESTÁ a SER AFRONTADA" POLA XUNTA
Na súa intervención e a preguntas dos medios, Torrado sostivo que a Galicia real non está a ser afrontada por un Goberno galego que "vive no autobombo, na autosatisfación e pensando nunha realidade que non existe".
Fronte a iso, destacou que o PSdeG reclama que a "Galicia real ten que ser atendida" e lamentou que outras comunidades "estean a pasar por encima" de Galicia a pesar das potencialidades da comunidade debido á xestión da Xunta. Así, sostivo que Galicia crece pero "grazas á inercia de España, pero sen impulso propio", e que os "grandes avances" como as bonificacións das peaxes veñen grazas a outras administracións.
Por último, preguntado polos actos organizados pola celebración do 75 aniversario do falecemento de Castelao, lembrou que a súa formación celebra ao intelectual galeguista "todos os anos" --os socialistas celebran o seu acto polo 25 de xullo ante a estatua de Castealo na súa localidade natal de Rianxo-- e destacou que estarán presentes en todos os eventos nos que estean convidados e que teñan "todo o sentido".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.