O PP di que o ditame da comisión de contratos está "en disposición" de ser debatido na primeira sesión plenaria do ano

O PP de Galicia encara o novo período de sesións que se inicia co ano 2025 co obxectivo de contribuír a que Galicia "continúe a senda de crecemento sustentable".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O PP de Galicia encara o novo período de sesións que se inicia co ano 2025 co obxectivo de contribuír a que Galicia "continúe a senda de crecemento sustentable", á que convidan que se somen os partidos da oposición para "traballar en serio" polos galegos "no canto de crear cortinas de fume en busca de intereses electorais". Este venres, o portavoz parlamentario do PP galego, Alberto Pazos Couñago, ofreceu unha rolda de prensa na que fixo balance sobre o último período de sesións e fixou as prioridades do grupo maioritario que sustenta a un "goberno serio, solvente e que está á altura das demandas dos galegos".

Así, tras valorar o traballo realizado nos últimos meses con "unha intensa actividade lexislativa" para "cumprir" cos compromisos adquiridos en campaña, Pazos tamén destacou que a comisión de investigación forzada polo BNG permitiu "botar abaixo as falacias da oposición" sobre a contratación e a construción do Álvaro Cunqueiro. O portavoz popular trasladou que o ditame deste organismo que realizou os seus traballos durante os dous últimos meses do ano está "en disposición" de poder ser debatido en pleno na primeira sesión do ano, algo que Pazos espera que se produza para "porlle fin canto antes" e, desta forma, "centrarse" en "asuntos que preocupan aos galegos".

De cara a este ano que empeza con "os deberes feitos" de contar cos orzamentos "máis altos da historia" xa en vigor, Pazos Couñago sinalou como prioridades do grupo que encabeza a defensa dos servizos públicos "fundamentais", a reclamación dos medios para exercer as competencias de xestión do litoral e reclamar o traspaso das de meteoroloxía, así como o apoio ás iniciativas industriais que "cumpren a normativa" ou a aplicación de beneficios fiscais para as entidades que colaboren coa organización do Xacobeo 2027. Todo iso "sen estridencias" e co "paso tranquilo pero firme", o que contrapuxo á "situación caótica" que, di, atravésase a nivel estatal co "peor goberno central da historia".

CAPD DE OURENSE

Preguntado pola mobilización o pasado xoves en Ourense en defensa dunha "xestión pública" para o centro de atención a persoas con discapacidade da Xunta, Pazos Couñago defendeu que a súa apertura é "unha magnífica noticia" e que a titularidade da xestión será a "que mellor garanta ese servizo".

O portavoz do PP galego no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago
O portavoz do PP galego no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago | Fonte: PPDEGALICIA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta