Por Europa Press / Redacción | Compostela | 10/01/2025 | Actualizada ás 17:05
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, afeou a actitude "sectaria" do BNG ao que criticou por "contraprogramar" un acto en Pontevedra en homenaxe a Castelao cando "toda a sociedade civil" estaba reunida no acto organizado pola Fundación Castelao en Santiago.
"Creo que non é unha boa noticia que o día que a Fundación Castelao convoca a toda a sociedade galega a un acto para pór en valor a figura de Castelao, o BNG estea a facer un acto paralelo ao acto oficial en Pontevedra, onde estaba toda a sociedade galega representada", lamentou, insistindo ademais en que non se trataba dunha homenaxe organizada pola Xunta de Galicia.
Esta mesma actitude, explicou, é a que acusa os nacionalistas de levar no tocante ao Pacto pola Lingua. "Tampouco é unha boa noticia que o BNG se negue a participar nese acordo, onde non hai liñas vermellas, onde pretendemos chegar a un acordo naquilo que nos une, que é moitísimo máis que o que nos separa", sinalou.
Considera López Campos que o BNG está "empeñado en insistir" no que separa e non no que une, "nunha senda de ver un problema onde existe unha solución" e achácao á convención nacionalista de decembro. n"Parece que existe un BNG antes desa convención, un co que había certo entendemento e na reunión do pacto parecía que querían participar, pero despois dese conclave que tiveron parece que se endureceu a súa postura", reflexionou.
Con todo, López Campos fixo un chamamento ao consenso. "Nunca esa tarde. Creo que sempre estamos a tempo de volver a ese marco negociador. Gustaríame que, dentro dese taboleiro onde nos estamos movendo toda a sociedade galega, o BNG non se empeñase en xogar fóra dese escenario", apelou.
ANO CASTELAO
O conselleiro de Cultura reivindicou a decisión tomada pola Xunta de Galicia de nomear o 2025 como 'Ano Castelao' para homenaxear a unha "persoa única e irrepetible" e pór en valor ao "Castelao universal". "Creo que estamos ante unha oportunidade que non podemos desaproveitar. Castelao pode ser a figura que nos enmarque dentro dese Pacto pola Lingua para protexer o ben máis prezado, que é a lingua", defendeu.
Respecto da figura de Castelao, cargou contra o BNG, acusándoo de "sectarizar" e "pór o foco" nun "aspecto concreto e determinado" de Castelao. "Ese non é o camiño", censurou. "Se vivise Castelao, estaría a pedir que en Galicia houbese un acordo unánime en favor desa ferramenta, dese recurso tan importante como é o galego. É a maior herdanza que temos como galegos e é a nosa responsabilidade conservalo e mantelo", aseverou.
OLALLA RODIL: "ESTIVEN DOUS BANCOS DETRÁS DO CONSELLEIRO"
A viceportavoz parlamentaria e membro da Executiva nacional do BNG, Olalla Rodil, destaca que ela mesmo estivo no evento xunto con outros integrantes do Bloque e pide á TVG rectificación inmediata dun bulo no que se afirma que non asistiu ao acto da Fundación Castelao. Apela á Lei 2/1984 para esixir a rectificación desa "groseira manipulación" da que é complice o conselleiro de Cultura coas súas declaracións. "Estiven sentada dous bancos detrás do propio conselleiro, xa sei que non son tan alta coma el, pero tampouco son invisible", ironiza a nacionalista.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.