A economía social xerou 230 novas entidades e 800 empregos no último ano en Galicia

O Goberno galego (cun orzamento global de máis de 181 millóns de euros) aspira a crear 4.000 empregos e 400 novas entidades ata o 2027.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2025 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor este mércores a aposta do Goberno galego por fortalecer e impulsar a economía social como un motor de crecemento sustentable que xera emprego de calidade e favorece a fixación de poboación ao rural, reforzando ademais o tecido emprendedor. Fíxoo no marco da xornada de balance 2024 da Estratexia galega de economía social, un evento no que tamén se abordaron os principais retos e desafíos de futuro da man das principais entidades do sector, como Cegasal, Agaca, EspazooCoop, Aeiga, Aesgal e Foroesgal.

O titular de Emprego destacou a importancia desta planificación impulsada pola Xunta con horizonte en 2027 e a través da que o Goberno galego (cun orzamento global de máis de 181 millóns de euros) aspira a crear 4.000 empregos e 400 novas entidades, situando esta fórmula de negocio nos sectores tecnolóxico, verde e industrial. Neste marco, puxo en valor que na actualidade Galicia xa conta con máis de 3.500 entidades (entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas inserción), 230 delas nadas no último ano, que implicaron a preto de 600 novas persoas socias promotoras, a metade mulleres. Ademais, sinalou que en 2024 a economía social xerou 800 novos empregos.

Neste marco, destacou a contribución a estes resultados das diferentes medidas encadradas na Estratexia. Así, fixo fincapé nas liñas de apoio específicas para incrementar a competitividade das diferentes entidades (como as ordes Aprol Economía Social ou o Bono consolida), as axudas para fortalecer o tecido asociativo do sector, o continuo impulso de actividades formativas e de divulgación (nas que en 2024 participaron máis de 3.000 persoas) ou a rede Eusumo, unha iniciativa con máis dun cento de entidades adheridas e que actúa como xanela única para facilitar información, asesoramento e acceso a axudas europeas, estatais e autonómicas.

FOLLA DE RUTA DE 2025

O titular de Emprego avanzou que para seguir nesta senda de crecemento, este ano a Xunta presuposta para a economía social un 2,8 % máis que o ano pasado, alcanzando un investimento bianual entre 2024 e 2025 de máis de 90 millóns de euros. Entre os próximos retos sitúase o de seguir impulsando e fortalecendo o cooperativismo como un alicerce crave da economía galega, en liña co lema do Ano Internacional das Cooperativas, 'As cooperativas constrúen un mundo mellor'. Tamén na folla de ruta deste ano está mellorar a orde de apoios aos centros especiais de emprego (un campo ao que a Xunta leva destinados máis de 126 millóns de euros nos últimos seis anos) co obxectivo de atender de maneira máis eficaz as necesidades dos beneficiarios, favorecendo a súa inserción no mercado laboral.

Ademais, avanzarase na nova Lei de cooperativas de Galicia, lexislando e adaptando a normativa á realidade actual, co obxecto de axilizar a creación de novas entidades e de consolidar as xa existentes dándolle un impulso ao Rexistro autonómico de cooperativas. Farase da man de todos os axentes implicados, apostando polo diálogo e a escoita activa, co obxectivo firme de ter aprobada a nova lei este ano.

REDEIRAS ARTESÁS

Por outra banda, José González reuniuse este mércores con representantes da Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, encabezadas pola súa presidenta, María Jesús González, para analizar posibles vías de colaboración a favor da súa formación e cualificación profesional e para coñecer os proxectos que a federación previu desenvolver este ano. No encontro tamén se abordaron aspectos relativos á prevención de riscos laborais no sector e púxose de relevo o apoio do Goberno galego a este colectivo. Dentro deste apoio, destacan accións como as campañas de sensibilización que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) neste sector e, no campo da artesanía, iniciativas como o proxecto Enredadas, que busca facilitar ás redeiras novas oportunidades de negocio e reforzar a súa estabilidade laboral a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración.

A economía social xerou 230 novas entidades e 800 empregos no último ano en Galicia
A economía social xerou 230 novas entidades e 800 empregos no último ano en Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta