Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 13:35
A maioría absoluta do PP rexeitou dúas iniciativas dos grupos da oposición que reclamaban, por unha banda, a asunción das recomendacións do Consello de Contas sobre o control do gasto extraordinario no Servizo Galego de Saúde (Sergas) e, por outro, a liberalización e rescate da autoestrada da Costa da Morte (AG-55).
As proposicións non de lei foron debatidas na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, celebrada este xoves na Cámara galega, onde se toparon co voto en contra do PP a dúas iniciativas que foron apoiadas de forma unánime polos grupos da oposición (BNG, PSdeG e Democracia Ourensana).
A primeira das propostas de impulso foi defendida pola deputada socialista Patricia Iglesias, que puxo o acento na "carencia evidente" que os informes do Consello de Contas apuntan nos mecanismos de control do gasto no Sergas, o que "repercute" na prestación do servizo.
A parlamentaria remarcou que Sanidade recorre a unha fórmula "non legal" na contratación, como as autorizacións de uso, e recorre de forma "abusiva" a un mecanismo "excepcional" para a cobertura de gastos estruturais que poden ser previstos á hora de elaborar as contas anuais, pois esta forma de acudir aos mecanismos extraordinarios acaba representando "o 10,6%" dos recursos dos que dispón o Sergas para a súa actividade ordinaria.
Na súa quenda, a deputada popular Cristina Sanz xustificou que Sanidade "xa" aplica as suxestións do Consello de Contas e que as modificacións orzamentarias son un mecanismo "regulamentario" ao que recorren "todas as comunidades autónomas" porque permiten "adaptarse ás novas necesidades que xorden ao longo do ano".
AUTOESTRADA DA COSTA DA MORTE
Ademais, tamén foi rexeitada cos votos do PP outra iniciativa sobre a petición de liberalización e rescate da AG-55, coñecida como a autoestrada da Costa da Morte, levada á Comisión 3ª polo deputado do BNG Daniel Pérez. O parlamentario nacionalista apuntou a existencia de máis de dúas décadas de movementos sociais e veciñais que reclaman a gratuidade da autoestrada que une A Coruña e Carballo, a única que quedará con peaxes tras o rescate do resto de autoestradas de pago de titularidade autonómica, decisión da Xunta o pasado ano.
Así, denunciou o "sobrecusto" para familias e empresas polo pago de taxas para circular por esta vía, que supón "un lastre" para o desenvolvemento económico e social da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte.
Na súa quenda, o deputado do PP Roberto Rodríguez preguntouse se "o que queren agora" nacionalistas e socialistas "é beneficiar" ás empresas "privadas" e "amigas" dos populares, como criticaron cando se anunciou o rescate do resto de autoestradas autonómicas que funcionaban con 'peaxes en sombra'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.