Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 16/01/2025 | Actualizada ás 17:51
Un total de vinte proxectos de Youtube e TikTok aspiran a ser os gañadores nalgunha das sete categorías nas que se divide a oitava edición dos premios Youtubeiras+, que se celebrarán o 1 de febreiro no Pazo da Cultura de Narón. Este proxecto está organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, as tres universidades públicas e a Deputación da Coruña para fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos. Entre outras categorías, os finalistas en canle de Youtube son: Exército Mekemeke, IagoRAW e O Faiado Podcast. No apartado de TikTok son: pradorua, Konachadas e Sara Seco.
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro (TeGa), asegurou que esta localidade "se une ao proxecto Youtubeiras+ e faino da mellor forma posible, acollendo a gala de entrega de premios". Así, busca mostrar "compromiso coa lingua nun ámbito, o das redes sociais e a creación de contidos en Internet", algo que dixo que considera "fundamental para o presente e para o futuro de calquera idioma". "A creación de contidos en galego en plataformas como Youtube e TikTok constitúe unha vía imprescindible para a difusión do galego entre as novas xeracións", afirma. Estas manifestacións realizounas no mediodía deste xoves no propio Concello durante a presentación da gala da oitava edición dos Premios Youtubeiras+, onde estivo acompañada, entre outros, por Soledad Agra, deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, e Javi Sánchez, artista coñecido co nome de Meiga-i, que presentará a gala. A entrada será gratuíta.
"Esta é unha edición de transformación ao ampliar o seu campo de acción", xa que agora tamén teñen cabida os contidos xerados en TikTok. "Estes premios caracterizáronse sempre polo seu dinamismo, foron mudando e foron adaptándose", detalla, xa que "son uns premios vivos que acompañan e impulsan esa comunidade". Pola súa banda, Soledad Agra informou de que este ano rexistraron a inscrición de 89 canles, 49 de Youtube e 40 de TikTok, polo que se supera a cifra da edición anterior (68 canles). "Os vídeos que se inclúen nestas canles supoñen un total de 19.720 minutos de contidos dixitais en galego", detalla.
Os Premios Youtubeiras+ repartirán nesta nova edición 7.500 euros, que se distribuirán entre as súas sete categorías. As persoas gañadoras nos apartados de canle de Youtube e canle de TikTok recibirán 1.250 euros cada unha, mentres que quen consiga os galardóns de creación de contidos, revelación, calidade lingüística e rede, ademais do Premio do Público, levarán 1.000 euros. Para este último galardón, o Premio do Público, votaron 5.056 persoas a través da web de Youtubeiras, www.youtubeiras.gal. Por último, Javi Sánchez adianta que este evento contará coa actuación musical do grupo De Ninghures. "Unha gala de cambios, cambiamos de casa, imos a unha máis grande e acolledora, porque somos máis", valorou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.