Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2025 | Actualizada ás 14:47
A Real Academia Galega (RAG) incorporou ao seu catálogo de libros en versión dixital un volume sobre a 'IX Xornada de Onomástica Galega', dedicada aos chamados "outros nomes", é dicir, aqueles que "non son nin de persoa nin de lugares". Os nomes da ciencia, da intelixencia artificial, dos grupos das 'pandereteiras', dos fanzines ou das mascotas centraron os relatorios que levaron a cabo no encontro celebrado o pasado 19 de outubro no Museo de Pontevedra.
Segundo explicou a RAG nunha nota de prensa, na primeira parte do volume, 'Estudos de Onomástica Galega IX. Os outros nomes', o neurocientífico Xurxo Mariño refírese á fronteira "ás veces difusa" entre a terminoloxía e a onomástica da ciencia. Ademais, as filólogas Adina Ioana Vladu, Elisa Fernández Rey e Noelia García e a enxeñeira Carmen Magariños, explican o proceso de creación dunha voz "sintética" para producir textos orais a partir de textos escritos ou os procesos de elección de antropónimos para designar voces artificiais.
Na segunda parte, 'Nomeamos o que creamos', a filóloga Noemí Basanta analiza os nomes de grupos de 'pandeireteiras' e o xornalista Ramón Mariño examina os títulos dos fanzines galegos desde 1990. Por último, tamén se expón a "experiencia didáctica" da xornada, do mesmo xeito que en libros anteriores. Con todo, a RAG celebra desde o ano 2016 as 'Xornadas de Onomástica Galega', que contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra, que acolle no Edificio Castelao unha cita aberta para o público "especialista" na materia, pero tamén para o público xeral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.