Carlos Callón denuncia unha "forte campaña de acoso" pola súa última obra: "Convido aos que insultan a que o lean"

O autor pide "que o odio non eclipse a convivencia" e agradece o apoio recibido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2025 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A libraría Couceiro de Santiago acolleu este luns unha rolda de prensa na que o investigador Carlos Callón, autor de 'Vidas e historias LGBT da Idade Media', denunciou publicamente a "forte campaña de acoso" posta en marcha por mor desta obra, á que definiu como "un libro que incomoda". Deste xeito, o propio Callón detallou como antes de que a propia obra estivese dispoñible nas librarías, que se publicou o pasado xoves, iniciouse unha campaña de acoso en redes sociais tras anunciar o seu título e adiantar algúns dos temas que se tratan no volume.

Entre os insultos e ameazas recibidas antes da publicación sinalou algunhas como: "Carlos Callón ao paredón", "Non che entendo, puto enfermo", "iletrado", "idiota", "miserable", "Que obsesión con mariconizar a Historia!", "Este lixo de libro non vas poder presentalo en ningún sitio", entre outras. "Agora quero convidar a todas as persoas que insultan e que se exaltan desta maneira a que, ademais de criticar o libro, o lean. As reaccións homófobas contra este libro son a maior proba da súa necesidade, porque recuperar as voces esquecidas da historia incomoda a quen prefire o silencio e a distorsión", aseverou Callón.

"QUE O ODIO NON ECLIPSE A CONVIVENCIA"

Como resposta, a primeira presentación do libro terá lugar este xoves ás 20.00 horas na libraría Couceiro de Santiago e será un acto no que tamén intervirá a profesora de Historia na USC Daniela Ferrández, un evento "en defensa da liberdade de investigación e de expresión". A pesar dos insultos recibidos, Callón pediu "que o odio non eclipse a convivencia" e agradeceu o apoio de "centos de persoas e entidades" que se situaron publicamente en apoio do escritor. Neste sentido, referiuse a a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, ao colectivo LGBT Avante, á Rede Galega de Estudos Queer, a Amnistía Internacional de Vigo, ao Bloque Nacionalista Galego, a dirixentes do PSdG e á Revista Andaina-Asociación Galega da Muller.

"DOCUMENTOS DO PASADO QUE FALAN ALTO SOBRE A DIVERSIDADE"

Segundo detallou o escritor, cada capítulo do ensaio empeza cun texto da época medieval co obxectivo de "acudir directamente á fonte limpa", xa que "os arquivos non amenten e falan por si sós". Ademais, subliñou como estes documentos serven para "pór en valor a riqueza documental da Galicia medieval", os cales permiten "traer á luz" historias LGBT "tan pioneiras" como o matrimonio entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz no ano 1061 ou a parella formada por Sancha Pérez e María Leve na Compostela do século XII. Deste xeito, Callón reivindicou que a "importancia" destas historias "non é só local", senón que "son testemuños moi valiosos" dunha "dimensión continental, europea" e incidiu en que as historias LGBT "non son un fenómeno contemporáneo".

UNHA INVESTIGACIÓN DE 25 ANOS

Con todo, o profesor e investigador xa publicou en 2011 o libro 'Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media', co que gañou os premios Vicente Risco de Ciencias Sociais e o Fervenzas Literarias de Ensaio. Segundo explicou, comezou a investigar sobre o tema cando aínda era estudante e foi en 1999 cando publicou o primeiro artigo académico sobre esta cuestión. Ademais de profesor en secundaria e profesor asociado no Departamento de Filoloxía Galega da USC, tamén é membro da Comisión sobre Identidades e Disidencias Sexuais do Consello da Cultura Galega.

O autor de 'Vidas e historias LGBT dá Idade Media', Carlos Callón.
O autor de 'Vidas e historias LGBT dá Idade Media', Carlos Callón. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta