Por Ángela Precedo | VIGO | 23/01/2025 | Actualizada ás 18:09
Ser de Vigo non é un DNI, é un sentimento. Sentimento que non só experimentan os propios vigueses, senón tamén todas aquelas persoas que chegan por primeira vez ao concello e quedan prendados del a primeira vista. O propio alcalde, Abel Caballero, así o asegurou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde a cidade presentou unha oferta turística envexable: praias, música, festas, natureza, xente, cultura, patrimonio e, como non, o xa mundialmente coñecido alumeado de Nadal, entre moitos outros atractivos. Despois de marcar outro Nadal de récord, con cifras de escándalo no que a visitantes se refire, a urbe coñecida internacionalmente polos seus máis de 11 millóns de luces LED e o seu carismático alcalde, conquistou tamén ao público asistente á feira no stand de Turespaña. Respaldando ao rexedor, tamén estiveron presentes entre os espectadores o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, e o subdelegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
"Que ten Vigo? Vigo ten a cultura da tranquilidade, do sosego e da felicidade", proclamou Caballero, que tamén afirmou que "Vigo xera unha cultura coa xente que nos visita, que pasa por alí e que vén ao Nadal, ao verán ou a calquera evento que teñamos, mesmo a facer negocio e a tratar coas fábricas que temos". Con todo, o alcalde deixou ben claro que non quere que isto sexa algo pasaxeiro, senón que o obxectivo a lograr (algo que xa está acontecendo) é que "a xente que vén á cidade repita, porque en Vigo queremos a todo o mundo, porque a nosa forma de ser é cosmopolita universal". Tanto é así que, a pesar de que a globalización no mundo tal e como a coñecemos hoxe xurdiu hai cousa de 40 anos, non máis, en Vigo sorprendeu cando chegou, pois xa levaban sendo cosmopolitas dende había moitos anos, aínda sen sabelo: "Percorriamos todos os mares e aquí chegaba xente de todo o mundo. Esa foi e é a nosa cultura, a do aprezo á xente que nos visita; e iso é, seguramente, o máis excepcional que temos na cidade".
Caballero non esquece en ningún momento que, en realidade, canta máis xente visite Vigo, mellor lle irá á economía da cidade. "A visita de tanta xente tradúcese nunha economía poderosísima, estamos a falar de centos e centos de millóns de euros", apuntou, para remarcar que, máis aló dos cartos, "o que realmente queremos é ver á xente que nos visita sendo tan feliz como o é a xente de Vigo, porque en Vigo somos felices e queremos que os demais compartan a nosa felicidade, a felicidade da nosa cidade e das cousas que van acontecendo nela". E, sabedor de que o máis demandado da cidade no mundo enteiro é o seu Nadal, Caballero afirmou, gozoso: "Poderiamos facer o Nadal só para nós, para a xente de Vigo, pero, como vamos privar ao mundo de que viva isto? Que todo o mundo poida ver a felicidade dunha familia e o brillo nos seus ollos cando están aquí e viven isto, non ten prezo". Deste xeito, o rexedor olívico gábase de que "somos quen, entre todos, de facer que a xente que nos visita viva a cidade co orgullo de que son dela tamén".
Outra das cousas que puxo en valor da cidade é o afecto e o agarimo da súa xente cara os visitantes, porque, "que alguén che diga cando chega a Vigo que a súa felicidade é total e que quere volver o ano seguinte, iso si é un proxecto e unha realidade única: a realidade do afecto", pois reivindica que "somos seres humanos e, como tal, vivimos de afectos". Máis aló do Nadal, e falando de afectos, pon como exemplo a posibilidade que ten calquera neno de competir contra un medalla de prata nas Olimpíadas nas festas do Marisquiño, en referencia ao venezolano Daniel Dhers, prata en Tokio 2020; ou de gozar dun concerto de Maná en Castrelos, un concerto para o que en calquera outra cidade as entradas superarían os centos de euros, pero que en Vigo foi gratis. A todo isto, Caballero suma a realidade gastronómica única que ten tamén a cidade. En resumo, son moitos os motivos non só para visitar Vigo, senón para volver. "Esa sensación de felicidade compartida" que tanto gusta aos vigueses e, especialmente, ao seu alcalde.
Despois dun descurso que encheu de ledicia a todos os presentes, Caballero rematou cunha das súas icónicas frases: "O único que lamento é que o alcalde de Nova York non veña a Vigo, porque, se viñese a Vigo, sería tan feliz que, ao volver a Nova York, pediríame a irmandade". Nunha gala presentada polos xornalistas Paula Montes (Cadena Ser) e Luís García González (El Desmarque, de Mediaset), tamén tiveron cabida o alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que puxeron en valor a sorte de ter a Vigo como concello irmá, sendo os tres unha única unidade litoral que se apoia e que se nutre mutuamente a nivel turístico, económico, social e cultural. "A Vigo e a Redondela únenos a senda verde e tamén a ría, a illa de San Simón e tamén as festas, como a do Choco ou a da Coca", destacou Digna Rivas. Pola súa banda, Juan González Pérez asegurou que "Nigrán ten algo mellor que Vigo, aínda que lle doia a Abel Caballero, e é que ten como cidade veciña á mellor cidade do mundo, Vigo, e iso para nós significa moitísimo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.